parlamento galego

BNG insta á Xunta a non aprobar os proxectos, Porto Vidros e Campo das Rosas

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará firmou que a  tramitación por separado de dous proxectos da mesma  empresa, (Naturgy), que comparten  subestación e liña de evacuación, representa “un fraude”

Lembrou que o propio director de “As Bestas”, Rodrigo Sorogoyen, criticou a política eólica “depredadora” do goberno galego na  gala de entrega dos premios  Goya e pediu un cambio de modelo baixo o lema, “Eólica si pero non así”

O portavoz de Medio Ambiente e deputado por Pontevedra, Luís Bará instou á Xunta a non aprobar os proxectos eólicos  Porto Vidros e Campo das Rosas no concello de Cercedo-Cotobade, promovidos pola eléctrica Naturgy por “incorrer en fragmentación fraudulenta” e prexudicar gravemente os hábitats protexidos, o patrimonio, cultural,  valor das terras,  recursos híbridos,  medio natural, actividade propias do territorio a saúde das persoas  e as consecuencias sobre o cabalo salvaxe na celebración da “Rapa das Bestas de Sabucedo”.

Na defensa da proposición non de lei, rexeitada polo Partido popular e a abstención do PSdG, o nacionalista  tamén solicitaba “revisar a  declaración de impacto ambiental dos parques eólicos”, impactos sinérxicos e acumulativos así como unha avaliación  correcta do  conxunto da documentación presentada para corrixir  os erros.

O nacionalista reclamou  un informe independente sobre o impacto dos mencionados parques, en “hábitats  protexidos”, a súa afectación no cabalo salvaxe  na celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo e lamentou que PP e PSdG non secundaran a proposta nacionalista.

Sorogoyen contrario ao modelo eólico “depredador” da Xunta

O nacionalista referiuse ao  “efecto Sorogoyen”, en alusión a Rodrigo Sorogoyen, director de “As Bestas”  que na entrega dos premios Goya deu unha grande resonancia “a barbaridade” que pretende cometer o goberno galego na zona afectada pola construción dos novos parques. A súa intervención e a afirmación “Eólica si pero non así”, explicou Bará,  provocou un grande debate social advertindo “do mal que se están a facer as cousas coas chamadas enerxías renovables”.

Na defensa da iniciativa, o deputado sinalou que a  Xunta deu luz verde ambiental á tramitación de 8 polígonos industriais eólicos promovidos por Naturgy, que suman 210 MW. Nestes 8 polígonos inclúense, ademais  os que corresponden aos parques eólicos Porto Vidros e Campo das Rosas, que afectan ao territorio e á veciñanza de Cerdedo Cotobade, A Estrada e Campo Lameiro.

A fragmentación dos dous parques é “fraudulenta” porque estar  contiguos e pertencer  á mesma empresa, ademais de  compartir a mesma subestación e liña de evacuación, sen embargo, puntualizou Bará, non se elaborou unha avaliación conxunta dos proxectos. Por outra parte, denunciou “unha tramitación irregular con numerosas deficiencias e erros”.

Nesta liña, engadiu que  tramitación do proxecto admitiu “modificacións que non foron avaliadas” e a  cidadanía, alegantes e concellos non tiveron a oportunidade de mostrar a súa desconformidade. Por outra parte, dende o BNG xa advertimos que faltan informes sectoriais á información pública, motivo polo que foi anulado polo TSXG o parque eólico de Corme.

Máis alá da propaganda verde dos gobernos, criticou Bará,  estes proxectos non son de transición enerxética porque responden unicamente “á voracidade das empresas e á súa ansia de  facer negocio sacrificando o noso territorio”.

A zona na que se pretenden implantar estes polígonos industriais eólicos está inzada de bens patrimoniais, moitos deles descoñecidos até fai pouco tempo e que na súa maior  descubertos e catalogados polo labor do colectivo Capitán

Gosende. Entendemos dixo,  que constitúe “un atentado contra o patrimonio cultural” implantar un parque eólico enriba dunha área de tal riqueza arqueolóxica.

Bará advertiu que estamos ante un fraude e un ataque ao patrimonio cultural

“Estamos diante dunha fragmentación de libro, coa tramitación por separado de dous proxectos da mesma empresa, que comparten subestación e liña de evacuación”, un verdadeiro “fraude” que debe ser paralizado, reiterou o nacionalista.

Tras a intervención da portavoz popular,  Begoña Freire Fernández que xustificou a tramitación dos parques dentro do Plan de Desenvolvemento eólico galego,  o nacionalista replicou que no ano 2019 o Conselleiro de Cultura e a Directora Xeral de Turismo, Nava Castro, anunciaron que a Rapa das Bestas debería ser declarada Ben de Interese cultural pero finalmente non se iniciou  a tramitación de ben inmaterial e cultural “ de maneira intencionada”.

Non falamos de protexer unha festa, recalcou, estamos ante “unha tradición, un ben cultural, o hábitat no que se desenvolven eses cabalos e a relación co monte”, aspectos que deben ser protexidos.

Finalmente, o nacionalista reiterou que tendo en conta todas as irregularidades detectadas na tramitacións dos proxectos dos parques eólicos Porto dos Vidros e Campo das Rosas  en “hábitats protexidos” urxe “revisar a declaración de impacto ambiental”, corrixir os erros incidindo no cabalo salvaxe e na celebración da “Rapa das Bestas” de Sabucedo. Queremos un informe “rigoroso” para coñecer as repercusións da aprobación dos proxectos.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG