BNG insta á Xunta a asinar convenios co Consello da Avogacía Galega para asesoramento xurídico e penitenciario, non só por ocupación de vivendas

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés denuncia o pago de  8.000 por un informe a unha ex-deputada do Partido popular de Guadalaxara sobre eventuais reformas lexislativas coa ocupación de vivendas en Galiza que o PP está a utilizar para  crear “un estado de alarma social” importado que en Galiza non existe

O deputado do BNG, Iago Tabarés instou hoxe á Xunta a formalizar convenios co Consello da Avogacía Galega para o asesoramento xurídico e penitenciario, na actualidade asumido polos colexios profesionais.

O nacionalista criticou a “campaña de alarma social” creada polo Partido popular sobre a ocupación ilegal de vivendas cando en realidade, dixo, en Galiza non existe unha especial relevancia neste ámbito e reclamou que os recursos públicos sexan destinados a outros delitos ou situacións que merecen protección.

Neste sentido, lembrou o encargo da Xunta de Galiza a unha exdeputada do Partido popular de Gaudalaxara para elaborar un informe sobre eventuais reformas lexislativas en relación coa ocupación de vivendas, “sen que conste a razón do encargo”, nin a selección da persoa que recibiu polo traballo, oito mil euros. Por outra parte, recalcou que o devandito informe resultou basicamente unha reprodución -mesmo as veces corta e pega- de traballos anteriores e con escasas aportacións técnicas, sen dúbida inferiores as que se poderían realizar dende o consello consultivo, colexios profesionais ou dende a propia Xunta de Galiza

O nacionalista insistiu en que o convenio co Consello da Avogacía galega persegue prestar asesoramento a propietarias e usufrutuarias de vivendas obxecto de intrusión ilegal, pero existen outras materias que tamén precisan de mecanismos de defensa e con prioridade sobre a ocupación.

Iago Tabarés explicou que segundo os datos publicados polo Consello Xeral do Poder Xudicial o número de xuízos verbais por ocupación de vivendas en Galiza foron no ano 2020, 94, no 2019, 145 e no 2018, 36 mentres que en períodos idénticos os alzamentos que se fixeron efectivos ao abeiro da lei de arrendamentos urbanos foron 1.150 no 2020, 1.800 no ano 2019 e 1.245 no 2018. Por outra parte, as demandas pola aplicación indebida de cláusulas solo no ano 2020 foron 3.469, 3765 no ano 2019 e de 5.580 no ano 2018.

No ano 2021, foron tramitados 11 asuntos por ocupación fronte a 86 concursos de persoas naturais, 352 alzamentos ao abeiro da LAU e 1.249 por cláusulas solo.

En opinión do deputado, a Xunta relega os casos que realmente precisan protección e sobre todo das  persoas que carecen de medios económicos e as cifras, ao seu xuízo, “non xustifican o único convenio vixente de asesoramento co CXAG sobre ocupación de vivendas”.

Dende o BNG, recalcou Tabarés reclamamos asinar co Consello Galego da Avogacía “convenios” para a orientación e asesoramento en materia penitenciaria, tarxetas revolving, a aplicación durante a pandemia de cláusulas Rebus nos contratos así como en materia familiar e capacidade das persoas”.

Tras a intervención do director Xeral de Vivenda e Solo de Galicia, Heriberto García, o nacionalista recriminou que non aportara datos sobre a ocupación e aludira “a denuncias” cando en realidade son “cualificacións do Ministerio Fiscal”. Neste ámbito, fronte aos 5 casos por usurpación producidos no ano 2019, producíronse por “abusos sexuais a menores de 16 anos, 44 casos, por agresións sexuais a menores de 16 anos, 4, por  abusos sexuais en xeral 66 e agresións sexuais, 22”, isto, dixo, é o que “nos debe preocupar”.

Tabarés reiterou que non é xustificábel o gasto público da Xunta por informes a persoas afíns ao Partido popular mentres só hai un convenio co Consello Galego de Avogacía para asesoramento á vítimas. “Mentres en Cataluña hai 6.000 casos de ocupacións en Galiza son 11” polo tanto, dixo, temos que priorizar de aí a urxencia de asinar “convenios cos colexios profesionais” pero priorizando todos aqueles casos que “colapsan” os xulgados, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG