BNG insta a Rueda a negociar as transferencias pendentes e máis autogoberno pensando nos intereses do País e non do PP

Iago Tabarés

Iago Tabarés reclama ao titular da Xunta que deixe de subordinar Galiza á estratexia partidista de Génova, como fai coa AP-9 ou coa quita da débeda

Traslada a solidariedade do Bloque axs afectadxs polos lumes e lamenta que os gobernos non aprenderon da catastrófica experiencia de 2025

O BNG insta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a negociar as transferencias pendentes e máis autogoberno para Galiza, na vez de antepoñer as estratexias partidistas que lle marcan desde o PP de Madrid aos intereses dos galegos e das galegas.

Así o manifestou en rolda de prensa o portavoz nacionalista de Presidencia, Iago Tabarés, quen recordou que, logo de 45 anos da aprobación do Estatuto, o País ten múltiples e importantes competencias que aínda seguen pendentes de transferencia ou desenvolvemento.

Competencias relevantes en materia de ferrocarril, autoestradas, portos, aeroportos, salvamento marítimo, investigación oceanográfica, de xestión de bolsas de estudo ou de seguridade social, de enerxía, de xustiza ou do desenvolvemento do corpo galego de policía que, neste último caso xa teñen Euskadi ou Cataluña, mais tamén Canarias.

Tabarés recordou que ademais de todas estas, tamén hai outras competencias igualmente importantes sobre as que existe un acordo unánime do Parlamento galego para avanzar na súa transferencia, pero que seguen sen ser reclamadas e sen ser transferidas.

Neste caso, referiuse ás de tráfico e seguridade viaria -que destacou pola alto índice de sinistralidade que sofre o País-, inspección laboral -tamén relevante dado que Galiza ocupa un dos postos principais no lamentable ranking de sinistralidade laboral-, de institucións penitenciarias – nomeadamente na sanidade penitenciaria- ou de activos da Sareb ou de Defensa que están abandonados e que “poderían servir para facer vivenda pública”.

Competencias todas elas que xa son asumidas por outras nacións e comunidades do Estado, polo que considerou “inaceptábel” a “pasividade do Goberno galego” á hora de reclamalas.

Logo da multitudinaria manifestación do Día da Patria no que miles de persoas saíron á rúa para reclamar o recoñecemento do status político de Galiza e a súa capacidade de decisión nun mundo en paz, o deputado nacionalista instou a Rueda e ao seu goberno a escoitar e rectificar “pensando máis en Galiza e no benestar dos galegos e das galegas” e non nas estratexias partidistas que lle marca o PP de Madrid.

“Agardamos que, aínda que sexa por primeira vez, o presidente da Xunta e o seu goberno escoiten á cidadanía e deixe de subordinar os intereses de Galiza e dos galegos e das galegas ás estratexias partidistas pensadas e deseñadas dende Génova”, indicou, logo dunha semana “realmente lamentable” na que PP e Vox tentaron boicotear o traspaso da AP-9.

Unha AP-9 pola que a cidadanía segue pagando peaxes grazas á prórroga acordada por Aznar, que logo foi privatizada e cuxa solicitude de traspaso acordada polo Parlamento galego foi tamén boicoteada polo PP en 2015 e 2017. “Por iso no ano 2026 estamos aínda con isto e, por fin, conseguimos o traspaso dunha autoestrada esencial coa súa aprobación no Congreso a semana pasada”.

Tabarés recordou que esta non foi a única vez que PP e Vox -“os dous de sempre”, ironizou citando a Castelao- votaron a semana pasada “en contra dos intereses de Galiza”, senón que tamén o fixeron co seu voto en contra dunha quita da débeda pública de máis de 4.000 millóns de euros, “simplemente porque foi lograda e negociada polo BNG”.

“Son decisións incomprensíbeis que, por moitas e absurdas, nalgún caso, desculpas que se poñan, simplemente o que van é seguir estratexias partidistas de Madrid en contra do benestar dos galegos e das galegas”, criticou, para pedir a continuación a Rueda que se sente na Comisión Mixta de Transferencias a planificación da execución do traspaso da AP-9 e que rectifique e acepte a quita da débeda de 4.000 millóns. 

O portavoz parlamentario de Presidencia arrancou a súa intervención trasladando toda a solidariedade e apoio do BNG ás persoas afectadas, desprazadas ou confinadas como consecuencia dos incendios que están sufrindo en Castela-A Mancha, Castela e León, Madrid e Valencia, como antes aconteceu en Almería e tamén en Galiza, onde o pasado verán arderon 170.000 hectáreas segundo o sistema Copernicus.

“Aprendemos bastante pouco tanto en Galiza como no resto de comunidades, porque meses despois, moito máis recentemente, a ausencia de medidas de restauración e rexeneración levou a que esas consecuencias devastadoras dos lumes provocaran tamén outras consecuencias en forma de riadas e, novamente, a perda de vivendas, de explotacións e do que significa a vida integral das persoas”, lamentou, para concluír pedindo aos distintos gobernos que “aprendan destas experiencias” para non estar “condenadas a repetilas cada vez máis brutalmente, exercicio tras exercicio”.