BNG insta o PP a abandonar políticas “absolutamente racistas” e a habilitar os recursos para acoller os e as menores migrantes

Olalla Rodil

Olalla Rodil acusa a Rueda de usar os dereitos humanos de nenos e nenas como arma política e lémbralle que Galiza é un pobo solidario e de acollida

“Que diferenza hai neste asunto entre o PP e a extrema dereita?”, pregunta para criticar unha posición que “sementa o odio que logo leva á violencia”

A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, instou o Goberno de Rueda a abandonar a súas políticas “absolutamente racistas” e a habilitar os recursos necesarios para recibir en Galiza, que é un pobo solidario e de acollida, ás nenas e nenos migrantes que chegaron ás Canarias fuxindo de situacións de fame e miseria e que agora teñen que ser reubicados.

A deputada nacionalista referiuse así ao boicot das comunidades gobernadas polo PP á Conferencia Sectorial da Infancia, á que non acudiu ningún representante da Xunta. Unha decisión que, remarcou Rodil, deixa clara a “submisión á estratexia partidista do PP utilizando de maneira absolutamente depreciable os dereitos humanos e os dereitos fundamentais das nenas e dos nenos como arma de confrontación política”.

O desplante do Goberno de Rueda é ademais, agregou, unha nova evidencia de que “estamos diante do PP máis ultra da historia”. “Que diferencia hai neste asunto entre o PP e a extrema dereita?, preguntou Rodil, para criticar que “é nestes actos nos que se sementa o odio que logo leva a violencia a vilas e cidades”.

É por iso que reclamou o PP que  “deixe de instrumentalizar” o Goberno galego para os seus intereses electoralistas”, que abandone “posturas absolutamente racistas” e que “se poña a traballar para representar como se merecen os galegos e as galegas”, habilitando os recursos que sexan necesarios para garantir o acollemento dos menores migrantes.

Considerou, neste punto, que “o primeiro que fai falta é sentarse nas reunións nas que se teñen que negociar orzamentos e os recursos necesarios para poder ampliar se é necesario a rede de acollida coa que conta agora Galiza. “O que non se pode é pegar a espantada só porque é a orde que lles da a súa dirección en Madrid”, engadiu.

Olalla Rodil subliñou que Galiza é “un pobo emigrante e de acollida, un País solidario” polo que “quen se senta non Consello da Xunta e quen ten a honra de representarnos a todas e a todos no Goberno debe exercer como galego e galega”. “En Galiza non somos racistas, somos solidarias, somos acolledoras e somos, sobre todo, humanas. Estamos falando de nenas e nenos”, salientou.  

En resposta aos xornalistas sobre as declaracións de Núñez Feijóo sobre a política de emigración tras o acontecido en Torre Pacheco, Rodil considerou que o uso da mentira para intentar vincular migración e criminalidade agocha “unha intencionalidade clara de sementar o odio”. “O PP terá que explicar con que obxectivo fai isto”, advertiu, insistindo neste punto nunha chamada “á solidariedade, á empatía e á humanidade; a comportarse, en definitiva, como somos os galegos e as galegas”.

“O que menos se parece a este País é o Partido Popular máis ultra e máis antigalego da historia”, concluíu.