BNG insta ao goberno a convocar as axudas de alugueiro para vítimas de violencia machista e modificar a orde para que poidan ser solicitadas ao longo do ano

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Rodil afea ao goberno galego por  non ter tramitado as correspondentes prorrogas e impedir que as mulleres  perciban as axudas

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada do BNG instou á consellería de Vivenda a convocar as axudas dependentes do Fondo do Pacto de Estado para o alugueiro de vítimas de violencia machista e a “modificar a orde” para que poidan ser solicitadas ao longo do ano.

Na súa intervención, Rodil explicou que  en Galiza existen dous tipos de axudas: o bono alugueiro  da Xunta ao que poden acceder só aquelas  vítimas  en pisos ou centros de acollida e o bono  alugueiro con cargo ao Pacto de Estado ao  que poden acceder “todas as mulleres que teñan recoñecida a condición de vítima por violencia de xénero”.

Hoxe, dixo, queremos preguntar especialmente por esta segunda liña de axudas, as do Pacto de estado, “que a Xunta non convocou para 2022 e para as que tampouco está a tramitar as correspondentes prórrogas”. A nacionalista lembrou que as  “as mulleres vítimas de violencia machista teñen dereito a percibir esta axuda durante un máximo de 3 anos”.

O atraso nas axudas está provocar que ningunha puidera solicitala desde  “o 10 de decembro de 2021”. É dicir,  hai 4 meses durante os cales ningunha muller se puido  incorporar ao programa é a “violencia machista -dixo a deputada- non entende de calendarios administrativos”. Por outra parte, tampouco foron aboados os alugueiros correspondentes aos meses de  xaneiro, febreiro e marzo de 2022.

Esta situación, engadiu, Rodil, “non é nova” e dende o BNG xa llo trasladamos a Secretaria Xeral de Igualdade hai un ano ao tempo que advertimos dos problemas xerados polo retraso das axudas porque as  persoas arrendatarias, “néganse a alugar a vivenda  á mulleres nesta situación”.

Os fondos do Pacto de Estado contra a violencia machista foron repartidos, por acordo da Conferencia sectorial de Igualdade publicado no BOE, o 10 de marzo, hai case un mes e hoxe desde o BNG reclamamos que se publique no DOG a convocatoria das axudas do 2022 e a tramitación das prorrogas e que se modifique a actual convocatoria, como acontece con outras prestacións para mulleres en situación de violencia machista, co fin de que poidan ser solicitadas con carácter permanente durante todo o ano.

“A situación actual ten consecuencias terribles para mulleres que xa teñen abondo con recuperarse e saír adiante como para ter que asumir o prexuízo que lles causa unha política de vivenda errática”.

Tras a resposta da conselleira de Vivenda, Ánxeles Vázquez afirmando que o Estado é o que ten que poñer a disposición da Xunta os fondos para as axudas, a deputada do BNG amosou o informe de Servizos sociais dunha das moitas mulleres que precisan desta axuda. Unha muller co 39% de discapacidade, unha pensión   compensatoria de 470 euros, que pode ou non cobrar, e unha axuda para o alugueiro 250 € dunha casa  que  segundo os  propios servizos sociais  presenta unha “deficiente  habitabilidade”. A solicitante  “non ten un lugar para  vivir, nin quen a recolla na súa casa, se non lle renovan o bono alugueiro social”.

Vostede cre que persoas nesta situación, vítimas de violencia machista, poden estar agardando meses a que a Xunta convoque as axudas? preguntou.

Esta muller leva catro meses agardando a que a Xunta se digne a responderlle pero son moitas mulleres nunha situación parecida  polo que volveu a reclamar a “convocatoria das  axudas do 2022 e  modificar  a orde para que poidan ser solicitadas  ao longo de todo o ano”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG