O BNG insiste nunha investigación independente do accidente do ALVIA para dar ás vítimas xustiza, verdade e reparación

Concentración ALVIA
Concentración ALVIA

Pontón avanza que levará esa petición ao Parlamento e Miranda confirma que haberá unha nova reunión coa comisaria de Transportes da UE

A líder nacionalista critica a actitude “vergoñenta” de PP, PSOE e Podemos

Sete anos despois da traxedia de Angrois as vítimas do ALVIA volveron congregarse na estación de tren de Santiago e, un ano máis, alí estivo o BNG para acompañalas e amosarlles o total apoio a súa reclamación de xustiza, verdade e reparación.

Unha demanda que para a formación nacionalista pasa necesariamente pola realización dunha investigación independente tal e como a Unión Europea ten reclamado ao Estado español nun contundente informe, investigación que a portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou será solicitada de novo polo Bloque no próximo Parlamento galego

“As vítimas, as súas familias e toda a sociedade galega teñen dereito a coñecer a verdade precisamente para que nunca máis volva repetirse un accidente destas características. Levamos sete anos vindo a esta estación de tren de Santiago e seguirémolo facendo até que haxa esa investigación na que se depuren responsabilidades políticas porque é evidente que as hai”, explicou Pontón.

Por iso, recalcou, “podo anunciar que unhas das iniciativas que levaremos ao novo Parlamento é a realización desa investigación independente porque non se pode tapar unha investigación destas características e porque é vergoñento como se están comportando o conxunto das forzas estatais dándolle as costas ás vítimas”. Destacou o traballo político do Bloque na Cámara galega, no Congreso e na Eurocámara, “onde se fixo un labor fundamental para que este caso siga vivo tamén desde o punto de vista xudicial e hoxe temos sobre a mesa unha reclamación que pide ao Estado unha investigación independente que non está a facer”.

Concentración ALVIA Para a líder do BNG, o empeño de PP e do PSOE, -ao que agora se suma Podemos-,para evitar esa investigación “demostra que hai algo que ocultar e non podemos permitir que haxa un accidente destas características e que pensen que deixando pasar os anos imos esquecer o que ocorreu, ao contrario, cada vez ten máis sentido que haxa unha investigación real e imparcial do sucedido”. Por iso, subliñou, “desde o BNG imos seguir traballando man a man con elas porque non podemos esquecer o que pasou e porque é fundamental que haxa verdade, xustiza e reparación.

Igualmente, a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, indicou que segue aberta a vía da Unión Europea “con ese expediente por infracción que o Estado español ten que cumprir, cumprimento que estaba pendente co anterior Goberno do PP e co actual de PSOE-Podemos”. Polo tanto, -indicou-, “solicitamos unha entrevista coa comisaria de Transportes da UE, Adina Valean, cuxo encontro quedou aprazado pola COVID19 pero que está prevista para setembro, data en que o Bloque volverá a acompañar aos representantes da vítimas nas institucións comunitarias”.

Pontón tivo palabras de lembranza para as vítimas, “que levan sete anos sufrindo a dureza de perder a un ser querido, pero tamén a situación vergoñenta de que as institucións do Estado en vez de poñerse do seu lado están traballando para ocultar o que pasou no accidente”, concluíu. As deputadas electas Rosa Pérez e Alexandra Fernández, así como o deputado Nestor Rego, formaban parte tamén da representación do BNG na mobilización convocada pola asociación de vítimas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG