congreso

BNG insiste en investigar e reclamar responsabilidades após a necesidade de reparación urxente dos viadutos da A-52

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego exixe coñecer toda a verdade sobre a existencia de defectos construtivos en infraestruturas similares ao viaduto colapsado da A-6, en que se empregou o mesmo proceso de construción

“PSOE e PP néganse a abrir unha Comisión de Investigación porque ambas formacións políticas teñen moito que agochar durante os seus respectivos mandatos no Goberno do Estado” denuncia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas en relación cos viadutos de Allariz e A Valenzá, na A-52, após anunciar o MITMA obras urxentes de reparación polo deterioramento que presentaban. Trátase de infraestruturas cun proceso construtivo idéntico ao colapsado da A-6, e as deficiencias tamén poden ser equiparábeis. A formación nacionalista xa reclamara no seu día -após o derrubamento do viaduto do Castro- unha auditoría no resto de estruturas semellantes na A-6 e na A-52, especificamente nestes dous viadutos. Así mesmo, Rego insiste na necesidade de afondar na investigación sobre estas infraestruturas e reclamar as responsabilidades que foren precisas, pois a existencia dun deterioramento equiparábel parece confirmar a hipótese dunha execución inadecuada.

Inmediatamente após se producir, o BNG levou ao Congreso o colapso do viaduto do Castro da A-6 e reclamou unha auditoría e revisión do resto de infraestruturas semellantes, especialmente aquelas levantadas coa mesma técnica construtiva, para comprobar que non adoecían dos mesmos defectos estruturais que porían en risco a seguranza. O proceso construtivo dos viadutos da A-52 en Ourense, que están agora mesmo con obras de urxencia, é idéntico ao empregado no viaduto da A-6 que colapsou hai case un ano.

Agora o MITMA admite que, efectivamente, existen danos noutras vías semellantes, destacando os problemas detectados en dous viadutos da A-56 e outra na propia A-6 no tramo leonés. De feito o Consello de Ministros acaba de aprobar pola vía de urxencia destinar máis de 6 millóns de euros aos viadutos Allariz e A Valenzá, na A-52 a autovía das Rías Baixas, para a súa reparación.

“O que o Goberno cualificou no seu día como unha inspección ordinaria das vías, quitando importancia á entidade do problema, puxo de manifesto que as estruturas adoecen do mesmo defecto atopado no viaduto do Castro, a falta de impermeabilización adecuada que permite filtracións que afectan ao cableado e, en consecuencia, á estabilidade da ponte” apunta o deputado do BNG.

Para a frente nacionalista, o Ministerio “debe ser claro e transparente” con toda esta información e debe, sobre todo, “realizar unha investigación que estabeleza cales foron os erros que determinaron que se levantase un viaduto, unha obra pública, con estes defectos”. Paralelamente debe analizarse “como se autorizou ese proxecto construtivo e cal foi a inspección, seguimento e recepción das obras en condicións inadecuadas, moi probabelmente -como apuntan os informes sobre o Castro- por unha diminución da calidade dos materiais”.

Comisión de investigación para depurar responsabilidades

O deputado do BNG no Congreso sinala que existen moitos puntos que continúan sen resposta e a situación agrávase agora coa aparición de novos viadutos con defectos construtivos. “No informe realizado posteriormente ao colapso do viaduto do Castro fálase da presenza anormalmente baixa de formigón e mesmo se sabe que, cando se comezaron a detectar os primeiros problemas, pouco tempo despois da súa inauguración, non se realizou ningunha actuación para corrixilos e esixir a súa reparación ás empresas responsábeis da execución, FCC e ACS” asevera.

“PSOE e PP néganse a abrir unha Comisión de Investigación -de feito bloquearon na Mesa do Congreso unha iniciativa do BNG nese sentido- porque ambas as formacións políticas teñen moito que agochar do seu comportamento permisivo durante os seus respectivos mandatos no Goberno do Estado” denuncia o deputado do BNG.

Mais, neste sentido, Néstor Rego reitera a necesidade de afondar na investigación, a través de informes independentes, e reclamar as responsabilidades que foren necesarias. “Se a responsabilidade for -como todo parece indicar- dunha mala execución das empresas construtoras, que puideron antepor o aforro na calidade dos materiais á seguranza das infraestruturas, o lóxico é reclamar as responsabilidades patrimoniais a que houber lugar, en vez de que a cidadanía teña que pagar de novo eses custos. Agora ben, tamén é preciso esclarecer por que as inspeccións do Ministerio non detectaron eses problemas antes da recepción das obras”, sinala.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG