O BNG inicia a recollida de sinaturas contra o peche en agosto do xulgado de violencia machista da Coruña
Ana Pontón lamenta que a carta de presentación do Pacto contra a Violencia de xénero do Estado sexa o peche dun xulgado específico de violencia por falta de xuíz ou xuíza durante o mes de Agosto
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou hoxe na campaña de recollida de sinaturas, iniciada por esta forza política na comarca da Coruña contra o peche en agosto do Xulgado de Violencia sobre a muller por falta de xuíz.
A nacionalista denunciou a situación no xulgado, da que dixo, “afecta gravemente a protección e seguridade e funcionamento da xustiza nun ámbito tan importante como é a loita contra a violencia de xénero” e non é de recibo que non haxa un ou unha xuíza substituto para manter abertos os xulgados de xénero os doce meses do ano. “No período vacacional prodúcense picos de violencia de xénero e resulta inconcibible que xusto nesta época os medios xudiciais permanezan baixo mínimos e os xulgados pechados por vacacións”, apostilou.
Por outra parte, Pontón rexeitou as escusas do Ministerio de Xustiza argumentando problema de recursos cando o Goberno central acaba de “incrementar en máis de 7.000 M€ os fondos para armamento militar”.
O peche do xulgado da Coruña está a provocar a dilatación das ordes de alonxamento e “hai vidas que dependen destas medidas”. Esta campaña é unha chamada de atención e reclamamos unha lexislación que “blinde os xulgados de xénero para que permanezan abertos todo o ano”, recalcou a portavoz do BNG.
A xunta “debe implicarse e deixar o conformismo coas decisións do Goberno central” e lembrou que no mes de xaneiro todas as forzas políticas galegas reclamaron no Parlamento “máis medios para os xulgados e mellorar a asistencia xudicial”. A Xunta é responsábel do que está acontecendo coa falta de medios porque “nin reclama nin presiona sobre esta competencia”.
Pola súa parte, a portavoz municipal do BNG na Coruña, Avia Veira reiterou que a campaña de recollida de sinatura ten por obxecto que a Xunta actúe ante o Ministerio de Xustiza para substituír o xuíz do xulgado contra a violencia a muller nesta cidade en período de vacacións e cualificou de “escándalo” que deba ser un xuíz ou xuíza, “non especialista en violencia” o que deba asumir, ademais dun grande número de casos ordinarios os específicos contra violencia de xénero.