BNG impulsa no Parlamento galego unha Comisión de investigación sobre o baleirado dos encoros

Encoro de Viana do Bolo
Encoro de Viana do Bolo

Ana Pontón  lembra que o Goberno galego era coñecedor das intencións das eléctricas e advirte dun posible caso de “prevaricación”

Reclama investigar as causas, consecuencias e responsabilidades do abrupto baleirado de encoros no ano 2021 e impulsar medidas de compensación

BNG impulsa no Parlamento galego unha Comisión de investigación sobre o baleirado dos encoros

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anuncia que o BNG solicitou no Parlamento galego unha  Comisión de investigación para esclarecer as “implicacións” da Xunta de Galiza no baleirado dos encoros por parte de Energy e Iberdrola.

Na súa visita  á localidade de  Viana do Bolo, tras o baleirado do encoro do Vao /Bibei que xestiona a eléctrica Iberdrola,  a portavoz do BNG explicou que a Xunta “non impediu o baleirado por parte de Iberdrola e Naturgy”, a pesar de coñecer a intención das eléctricas, a través de dous correos emitidos os días 10 e 12 xuño. Na súa opinión, si o Goberno galego foi realmente coñecedor das intencións das eléctricas, “estariamos ante un caso de prevaricación”.

A Comisión de investigación solicitada polo BNG debe analizar as consecuencias e responsabilidades do abrupto baleirado de encoros no ano 2021 e impulsar medidas de compensación.

A portavoz do BNG, acompañada pola deputada por Ourense, Noa Presas e membros do BNG da comarca criticou a “usura das eléctricas” pola  turbinación de auga e a aplicación dunha  “estafa diaria” que a cidadanía está a padecer nos últimos meses e sobre a que a  Xunta de Galiza e o Goberno central responden con “inacción” e permitindo o que cualificou de “atentado medioambiental”. Pontón tildou  de “usura” o comportamento das eléctricas e denunciou “a hipocrisía da Xunta” por ser  coñecedora de que Iberdrola tiña previsto baleirar os encoros. A Xunta, recalcou a nacionalista, mantívose “cos brazos cruzados durante dous meses” e no momento do baleirado utilizouno para a súa “confrontación estéril” co Goberno do Estado.

As empresas eléctricas continúan beneficiándose dos recursos naturais de Galiza  e cometendo “un atentado ecolóxico coa complicidade da Xunta e do Goberno central”, recalcou. Fronte a esta grave situación  e recollendo  a indignación de todos os galegos e galegas, o BNG xa solicitou unha Comisión de investigación porque hai moitas preguntas que merecen respostas. A primeira,  “por que  a Xunta sendo coñecedora do baleirado dos encoros non actuou, por que  permite que as eléctricas danen o noso medio natural e non se faga nada e por que o Goberno da Xunta modificou a lei vinculada ás penalizacións do sector eléctrico na  xestión dos ríos galegos para  “rebaixar as sancións nun 90%”. Dende o BNG, engadiu Pontón,  consideramos que estamos ante a punta do iceberg de gobernos “ao servizo das eléctricas e  que van de ganchete do lobie enerxético”.

O Parlamento galego, recalcou a líder do BNG,  debe “investigar a estafa da luz e ir até as últimas consecuencias”. A Xunta non pode seguir gobernando para as eléctricas e por iso queremos unha comisión de investigación no  Parlamento galego, o  foro no que deben darse estas explicacións, concluíu.

 

BNG impulsa no Parlamento galego unha Comisión de investigación sobre o baleirado dos encoros