BNG impulsa no Congreso unha Proposición de Lei para recuperar a Declaración de Impacto Ambiental nos proxectos de parques eólicos

Néstor Rego
Néstor Rego

A frente nacionalista recrimina ao Goberno de PSOE e Podemos que promova unha norma que significa “barra libre” para as empresas eléctricas e que nin sequera tivese a decencia de tramitala de forma independente para permitir un debate e votación exclusivamente sobre ela

Néstor Rego ratificou na pasada terza feira no Congreso o rotundo rexeitamento do BNG a unha norma que ameaza o noso ambiente e o medio de vida de millares de persoas no noso rural

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanzou a presentación dunha Proposición de Lei no Congreso para reverter a norma que aprobou o Goberno de PSOE e Podemos no pasado 28 de decembro co RD-Lei 20/2022 que elimina a necesidade Declaración de Impacto Ambiental e a posibilidade de realizar alegacións no procedemento de autorización administrativa de novos parques eólicos dependentes do Ministerio. O deputado recrimina a PSOE e Podemos que promovesen unha norma que significa “barra libre” para as empresas eléctricas que se están a lucrar con este boom eólico depredador e que nin sequera tivese a decencia de tramitala de forma independente para permitir un debate e votación exclusivamente sobre ela.

Néstor Rego criticou con dureza no Pleno de martes pasado no Congreso que o Goberno tivese incluído no Real Decreto Lei de axudas pola crise económica dous artigos que modifican o procedemento administrativo dos novos proxectos eólicos  que elimina a necesidade das Declaracións de Impacto Ambiental, así como a exposición pública e, por tanto a posibilidade de as persoas afectadas presentaren alegacións.

“Isto significa barra libre para as empresas eléctricas que se están a lucrar con este boom eólico depredador e sen control, pondo en perigo o noso medio e a actividade económica e, por tanto, o modo de vida de millares de persoas, particularmente aquelas que se dedican ao sector primario” salienta Rego.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego recriminou tamén a conduta do Goberno de PSOE e Podemos por incluíren esta modificación nun RDL de axudas pola crise económica, condicionando así o debate e a votación. Con todo, Rego anunciou que esta mudanza era suficientemente importante como para que o BNG non puidese apoiar a convalidación do Real Decreto. De facto, o deputado enfatizou que se se tiver tramitado esta modificación de maneira independente -sen o resto de medidas recollidas do “real decreto ómnibus”- tería “un contundente voto negativo do BNG”.

Nese sentido, Rego recriminou a PSOE e Podemos que promovesen unha norma deste tipo, que desprotexe os intereses populares para beneficiar grandes empresas enerxéticas sen teren sequera “a decencia de tramitala de forma independente para permitir un debate e votación exclusivamente sobre ela, non condicionado por outras medidas como as axudas pola crise; é facer trampa para conseguir que pasen máis facilmente medidas moi negativas para o noso País”.

Esta é a razón pola que, a pesar de se ter aprobado a tramitación do RDL 20/2022 como Proxecto de Lei, o BNG impulsa unha Proposición de Lei específica sobre a norma para a autorización dos parques eólicos, co obxectivo de recupera ar necesidade da Declaración de Impacto Ambiental, da exposición pública dos proxectos e da posibilidade de presentar alegacións. “Queremos reverter esta modificación feita á medida dos intereses das grandes empresas e corrixir este despropósito”, subliña Rego.

O deputado lembra que o BNG xa presentou no seu día emendas para eliminar unha mudanza similar recollida no RDL 6/22 do mes de abril, nese caso que afectaba só a parques de menos de 75 Mw. “Somos a única forza política que presentou emendas neste sentido. Infelizmente a maioría de PSOE e Podemos (6 de 9) na Mesa do Congreso teñen desde entón bloqueda esta tramitación.

Néstor Rego alerta da magnitude do problema no noso País e da dimensión de discriminación colonial que implica. “Galiza xa produce máis enerxía de fontes renovábeis da que consome. Temos máis de 4.000 Mw de potencia instalada e arredor doutros 3.000 Mw xa aprobados. Con todo, temos máis de 300 proxectos de parques eólicos en tramitación cunha afectación ambiental, patrimonial, social e económica moi negativa. Pola contra, Madrid -que consome enerxía producida na Galiza- ten 0 Mw de potencia instalada e 0 proxectos de parques en tramitación”

“É preciso defender o noso territorio da que parece ser a última distopía do capitalismo no Estado español: en nome da transición ecolóxica e dun futuro verde, destrúese o medio ambiente e o modo de vida de millares de persoas, especialmente no sector primario, é dicir,  destrúese o futuro e non o podemos permitir”, salienta o deputado do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG