Parlamento Galego

BNG impulsa un acordo no Parlamento para subsanar eivas no subministro eléctrico e na norma que discriminan o rural galego

Xosé Manuel Golpe

O deputado Xosé Manuel Golpe destacou que a eucaliptización dos montes provoca máis do 80% dos fallos que hai nas liñas de media tensión en Galiza

Subliñou que en 2024 o sistema eléctrico tivo un superávit de 600 millóns de euros, cantidade que se podería destinar a mellorar a calidade do servizo

O BNG logrou un acordo unánime no Parlamento para demandar a o Estado a mellora na calidade do servizo de subministro eléctrico, e no xeito no que se indemniza as persoas usuarias que sofren as fallas no servizo e que en Galiza afecta especialmente ás zonas rurais, sobre todo tendo en conta que, só en 2024, o sistema eléctrico tivo un superávit de 600 millóns que se poderían destinar a mellorar a calidade do servizo.

Así o expuxo o responsable de Enerxía do BNG, Xosé Manuel Golpe, quen apuntou ademais que a eucaliptización do territorio entrou en xogo como un factor determinante ao provocar máis do 80% dos fallos nas liñas de media tensión en Galiza, causados tanto polas caídas de ramas e troncos como polas pelicas.

Tras unha transacción co PP, o texto aprobado na Comisión de Enerxía recolle demandar ao Estado a modificación do sistema de medida da calidade do servizo do subministro de electricidade valorando os investimentos que suporá a redución do tempo mínimo para que un corte sexa considerado interrupción, dos 3 minutos actuais a un valor inferior, co obxectivo de chegar ao nivel do micro corte.

Así mesmo, o texto aprobado hoxe na Comisión 6ª a iniciativa do BNG pedirá a actualización automática das indemnizacións segundo os indicadores económicos vixentes ou segundo o prezo medio da enerxía nas facturas de electricidade.

Golpe expuxo na Comisión 6ª as eivas que están a sufrir a cotío e durante varios días consecutivos centos de persoas en Galiza, malia que os datos das medidas que aparecen na páxina do Instituto Enerxético de Galiza (Inega) presentan unha evolución positiva ao pasar de 3,01 interrupcións en 2003 a 1,24 en 2021, e onde a duración —en número de horas—de cada interrupción pasou de 2,46 en 2003 a 0,41 en 2021.

 Se falamos da zona rural, o deputado subliñou que se pasou de 18,7 horas de media de interrupción en 2003 a 1,46 en 2021. Nas zonas semiurbanas, como por exemplo o caso dunha vila como Bertamiráns, o número de interrupcións sería de 0.73 horas, mentres nunha zona rural a 600 metros do centro, como é Condomiña, os veciños estarían sen luz 2,38 horas.

“Isto é unha verdadeira eiva e vai en contra de calquera política que se poida deseñar para evitaro despoboamento do rural, de facelo atractivo para habitalo, ou para desenvolver un negocio”, lamentou.

Golpe tamén aludiu ao real decreto 1955/2000 que regula os parámetros de calidade do subministro eléctrico, con dous índices, o Tiepi, que regula o tempo de interrupción equivalente á potencia instalada, e o Niepi, que se centra no número de interrupcións, para subliñar que “son índices calculados, non medidos”, aclarando que para que nunha aldea o Tiepi indique unha hora, ten que haber unha interrupción equivalente á potencia  do transformador da aldea, dunha hora de duración.

“Isto no rural tería darse en dez ou doce casas durante máis de unha hora para que sexa unha interrupción medida, xa que, aínda que unha casa quede toda unha semana sen luz, nunca vai ser unha interrupción”, recalcou. No caso do  Niepi, os cortes teñen que superar os 3 minutos, medida moi superior ao 40% dos cortes, que adoitan ser microcortes,. “Calquera dos índices non equipara os consumidores e consumidoras das zonas urbanas e rurais, fomentando así o despoboamento en zonas xa deprimindas de por si demograficamente.

Golpe centrouse tamén na “anacronía total “ das indemnizacións polo incumprimento na calidade do subministro, tanto nas contías como nos prazos de cobro e pide que se actualicen segundo o prezo da factura eléctrica.

O deputado agradeceu o apoio unánime de todos os grupos e engadiu que hoxe “temos unha oportunidade para mandar un recado ao Estado Central de que estas eivas hai que solucionalas”, para, tal e como pide o BNG,  poñer o rural galego no século XXI.