BNG garante, por lei, que non se eliminen as paradas previstas no mapa concesional que afectan á Galiza
“O BNG consegue que o Goberno central manteña as paradas ou que, se as asume a Xunta da Galiza, non supoña custe ningún para a Administración Galega” sinala o deputado do BNG no Congreso
Néstor Rego logra introducir na Lei de Mobilidade Sustentábel garantir que non se supriman paradas de autobús en zonas sen alternativa de transporte
A Lei recollerá esta cuestión grazas a unha transaccional conseguida polo BNG e introducida no debate e votación do Proxecto de Lei na Comisión de Transportes do Congreso
O Bloque Nacionalista Galego vén de conseguir a introdución de importantes melloras na Lei de Mobilidade Sustentábel durante o seu debate e votación na Comisión de Transportes da cámara baixa. O deputado nacionalista, Néstor Rego, anuncia que o Proxecto de Lei -grazas ao BNG- garante que non se eliminen as paradas previstas no mapa concesional.
“Máis unha vez demóstrase que co BNG, Galiza gaña. Gañan os dereitos da cidadanía, gaña a mobilidade sustentábel e gañamos todos e todas cun modelo que atenda ás necesidades reais da nosa xente e do noso territorio” salienta Rego.
O BNG consegue, coa introdución desta transaccional votada afirmativamente na Comisión de Transportes do Congreso, que non se supriman paradas de autobús en zonas sen alternativas de transporte, tal e como recollía o mapa concesional do Ministerio que fora amplamente criticado. Grazas á presión do BNG, a Lei recollerá que se deberán manter conexións nas áreas sen outras opcións e que, no caso de que as Comunidades Autónomas asuman servizos por delegación do Estado, serán compensadas economicamente.
“Evítase así que zonas rurais da Galiza queden incomunicadas. Conseguimos que o Goberno central manteña as paradas ou que, se as asume a Xunta, non supoña custe ningún para a Administración Galega.” afirma Néstor Rego.