BNG e a Fundación Galiza Sempre promoven un estudo das máis de 50 competencias que Galiza debería asumir xa
Lucía López: “A iniciativa política busca actualizar a nosa proposta de autogoberno e avanzar na defensa dos dereitos nacionais de Galiza”
Rubén Cela denuncia que PP e Psoe converteron Galiza nunha “nacionalidade histórica de segunda” e precisa recuperar a iniciativa
“Queremos poñer o PP fronte ao espello” para evidenciar a súa “desidia, incompetencia e deslealdade con Galiza en materia de autogoberno”
O BNG e a Fundación Galiza presentaron o traballo que, ao longo deste ano, analizará en profundidade cal é a situación das máis de 50 competencias que Galiza podería asumir xa, como se podería materializar o seu traspaso e que aspectos positivos reportarían á sociedade galega. “Imos facer un traballo que debera ter feito hai moitos anos o goberno galego, pero que, por desgraza, non fai”.
Así o anunciou o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, cando se cumpren 50 anos da aprobación das súas bases constitucionais, un texto que tal e como sinalou, “non é doutrinal” senón que tiña a vontade de fixar un posicionamento estratéxico e unha resposta táctica do nacionalismo galego ao momento concreto e que, medio século despois “é preciso actualizar” cunha proposta axeitada ao presente.
En palabras da responsable de Organización do BNG, Lucía López, trátase de algo “máis ca un aniversario”, é unha iniciativa política de grande relevancia que busca “actualizar a nosa proposta en materia de autogoberno, avanzar na defensa dos dereitos nacionais de Galiza e trasladar a alternativa política sólida que o nacionalismo galego representa para este País”.
Anunciou neste senso que, neste estudo, abordaranse as medidas para a optimización do actual status de Galiza, “aproveitando ao máximo as competencias existentes e actualizando as nosas reivindicacións inmediatas”, definindo tamén as bases para “superar o actual marco autonómico”, asentando unha proposta de “novo status político que recoñeza Galiza como nación e o seu dereito a decidir”.
Cela explicou que o traballo, que se vai realizar nos vindeiros meses e concluíra no mes de decembro, ten como obxectivo estudar exhaustivamente as competencias que Galiza podería asumir “mañá mesmo se houbese vontade política”, así como actualizar esa proposta de superación do actual status político de Galiza que comentaba López.
Asegura que é importante facer esa primeira parte do traballo porque “queremos denunciar que tanto a PP como ao PSOE “converteron Galiza nunha nacionalidade histórica de segunda pola vía dos feitos”. Segundo indicou, “é evidente que Euskadi e Cataluña foron aumentando o seu autogoberno de forma moito máis intensa que Galiza”, o que cualificou de “fenda que non deixa de medrar” e un “agravio” que se traduce en aspectos tan prácticos como a ausencia de competencias en materia de tráfico, de policía propia ou dun sistema de tren de proximidade, así como o feito de que Galiza non teña representación propia na Unesco.
Tamén se quere, a través destes traballos de análise, “poñer o PP fronte a un espello” e que a sociedade galega poida ver con claridade a “desidia, incompetencia e deslealdade que, en materia de autogoberno, tivo e ten o PP con Galiza”, apuntou o presidente da Fundación Galiza Sempre, recordando que, nos últimos 17 anos ao fronte da Xunta, Feijóo e Rueda só conseguiron unha competencia nova para Galiza, a diferencia das 31 de que acadou Euskadi ou as 16 de Cataluña nos últimos 15 anos. Destacou neste punto a “hipocrisía amosada entre o que o PP e Psoe defenden en Galiza e o que fan en Madrid”, como é o caso da transferencia da AP-9 a Galiza.
A terceira razón pola que Cela considera importante facer este traballo de análise é porque Galiza “precisa recuperar a iniciativa”, xa que leva “demasiado tempo na absoluta inactividade neste ámbito”, subliñou. “Existe unha maioría social en Galiza, con independencia do que vote, que é consciente de que maior nivel de autogoberno significa unha xestión máis próxima, adaptada á nosa realidade e necesidades, e máis eficaz”, subliñou.
Máis de 50 competencias baixo análise
Nestes traballos, que se desenvolverán ao longo de todo o ano, e que comezará cun acto conmemorativo o vindeiro 18 de abril na Escola Técnica Superior de enxeñaría da USC, analizaranse máis de 50 competencias que, segundo Cela, Galiza “debería asumir xa” e para as que “non habería ningún tipo de cuestionamento da súa legalidade”. Anunciou a presenza de máis de 50 persoas especializadas en diferentes ámbitos —economía, enerxía, dereito, medio ambiente, lingua, igualdade ou relacións laborais— que analizarán en profundidade cal é a situación de cada unha delas, como se podería materializar o seu traspaso a Galiza e que beneficios reportaría á sociedade galega.
Cela enumerou, entre outras moitas, as competencias dunha policía galega propia, de infraestruturas viarias e ferroviarias e tráfico (incluíndo as autopistas AP-9 e AP-53)
ordenación do litoral, salvamento marítimo e control pesqueiro, planificación e xeración enerxética, xestión do réxime económico da Seguridade Social e Inspección de Traballo,
museos, arquivos e bibliotecas estatais en Galiza, formación ocupacional, bolsas e investigación científica, meteoroloxía, obras hidráulicas e demarcación xudicial, xestión do Ingreso Mínimo Vital ou institucións penitenciarias.
“Estamos convencidas e convencidos de que Galiza precisa máis capacidade de decisión, máis autogoberno e un marco político no que Galiza teña capacidade de decisión e que responda á necesidade das maiorías sociais do pobo galego, e este proceso á unha ferramenta para avanzar nesa dirección”, concluíu a responsable de organización do BNG.