Congreso

BNG exixirá que os Orzamentos do Estado cumpran con Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego advirte que o investimento territorializado para o noso país debe aumentar de maneira significativa en relación aos últimos orzamentos e teñen que figurar as partidas necesarias para dar cumprimento ao previsto no acordo de investidura “que é un compromiso do Goberno con todos os galegos e galegas”.

Ante a próxima aprobación dos Orzamentos do Estado o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, sinala que o BNG vai ter unha actitude de absoluta firmeza na defensa dos intereses da Galiza para que eses orzamentos recollan as partidas precisas para dar resposta ás necesidades do noso país.

Rego sinalou que desde a perspectiva da formación nacionalista os Orzamentos Xerais do Estado deben responder “como mínimo” a catro criterios. En primeiro lugar, conseguir que o investimento territorializado coñeza un incremento significativo en relación co estabelecido nos últimos orzamentos de 2018 e coas previsións de 2019 que lembrou se situaban en 757 millóns de euros. En segundo lugar terán que incorporar as partidas necesarias para dar cumprimento estrito ao acordo de investidura asinado no mes de xaneiro entre o BNG e o Partido Socialista.

En terceiro lugar deberán ser uns orzamentos claramente sociais que permitan conseguir o obxectivo de que esta nova crise social e económica non a paguen unha vez máis os traballadores e traballadoras.

En cuarto lugar, os fondo europeos que correspondan á Galiza, conforme a criterios de xustiza social e nacional, sexan xestionados polas administracións galegas e se destinen prioritariamente a proxectos públicos de interese social.

Rego lembrou que o proxecto de orzamentos de 2019, votado a favor polo PSOE e Unidas Podemos, que finalmente non resultou aprobado, prevía unha partida de investimento territorializado na Galiza de só 757 millóns de euros que, “eran claramente discriminatorios para noso País e insuficientes para cubrir as necesidades que temos sobre a mesa e compensar minimamente o déficit histórico de investimentos en equipamentos e infraestruturas na Galiza”.

Por tanto, o BNG vai exixir que os orzamentos de 2021 vexan reforzadas as partidas destinadas ao investimento no noso País, especialmente para atender a modernización das infraestruturas ferroviarias, algo que, ademais, encaixa perfectamente nos criterios estabelecidos para a utilización dos fondos europeos na medida en que os camiños de ferro fan parte dos obxectivos da mobilidade sustentábel. O deputado nacionalista salientou que precisamente a modernización das redes ferroviarias internas do noso país figura de maneira destacada no acordo de investidura e enfatizou que o BNG será absolutamente exixente á hora de que os orzamentos cumpran o previsto no devandito acordo.

“Medidas como bonificacións e baixadas da AP-9, absolutamente necesarias para acabar co roubo que supoñen actualmente e co agravio comparativo co noso país, xa levan desgraciadamente demasiado tempo esperando como consecuencia de que non houbese orzamentos en 2020 a raíz da epidemia de coronavirus. É hora de que estas bonificacións se poñan en marcha” sinalou Néstor Rego.

O deputado nacionalista salientou que os de 2021 deben ser de verdade uns orzamentos de carácter social, para conseguir unha saída xusta á crise económica provocada polo coronavirus e para evitar que, máis unha vez, sexa pagada polas clases populares, polos traballadores e traballadoras.

Nese sentido enfatizou a necesidade de reforzar as políticas sociais e dar cumprimento a cuestións previstas tamén no acordo de investidura como a derrogación da reforma laboral ou a solución ao inxusto tratamento da facenda española cos emigrantes retornados, así como o aumento das partidas destinadas a reforzar a protección social, especialmente as políticas de dependencia.

Por último, o representante nacionalista no Congreso quixo deixar claro que o BNG reclamará que os fondos europeos sexan repartidos con criterios xustos entre as Comunidades Autónomas e sinalou que para que Galiza non saia unha vez máis prexudicada deben terse en conta criterios específicos como a dispersión da poboación ou o envellecemento e a dependencia. Ademais reclamou que sexan as administracións galegas as que xestionen os fondos europeos e que o seu destino sexa fundamentalmente proxectos públicos de interese social.

Como vén recalcando o BNG, se na crise de 2008 os gobernos obtaron por rescatar a banca en vez de rescatar as persoas, ese erro non pode cometerse máis unha vez, non pode ser que cos fondos europeos se priorice rescatar a conta de resultados do Ibex35 frente aos salarios dos traballadores e traballadoras, a protección social ou as axudas necesarias para os autónomos e autónomas que se están vendo fortemente prexudicadas polas consecuencias da pandemia.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG