BNG exixirá ao Goberno español unha condena firme dos ataques de Marrocos contra o pobo saharauí
Néstor Rego reclamará denunciar internacionalmente os asasinatos perpetrados polas forzas marroquís, como o asasinato de Abdelaziz e outros membros da Frente Polisario, e urxe a abandonar o apoio á ocupación do territorio saharauí
O deputado do BNG no Congreso demandará recuperar a defensa do dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental e denunciar a escalada represiva marroquí
A pregunta oral realizarase na vindeira Comisión de Asuntos Exteriores do Congreso, a quinta feira, 25 de xuño
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamará ao Goberno español unha condena firme e contundente dos ataques con drones perpetrados polas Forzas Armadas de Marrocos o pasado 7 de xuño no Sáhara Occidental, onde foron asasinados tres membros da Frente Polisario, entre eles Lahbib Mohamed Abdelaziz, dirixente da organización e fillo do histórico líder saharauí.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que este novo ataque “evidencia a permanente política de agresión, ocupación e vulneración dos dereitos humanos que Marrocos exerce sobre o pobo saharauí, en aberta contravención do dereito internacional e das resolucións das Nacións Unidas”.
Rego Candamil lembra que vén denunciando de forma reiterada a situación que sofre o pobo saharauí, sometido á ocupación do seu territorio, á represión política e ao espolio dos seus recursos naturais, mentres milleiros de persoas continúan vivindo en condicións moi duras nos campamentos de refuxiados.
Para o deputado nacionalista, “o Estado español non pode continuar mirando para a outro lado ante actuacións tan graves nin manter unha posición que, na práctica, favorece as pretensións expansionistas de Marrocos”. Por iso, reclama ao executivo denunciar ante a Comunidade Internacional os ataques contra a poboación saharauí e exixir o respecto dos dereitos humanos, así como o fin das políticas de colonización e ocupación do Sáhara Occidental.
Defende, tamén, que o Goberno español recupere “o firme compromiso histórico co dereito de autodeterminación do pobo saharauí”. Nese sentido, require ao executivo apoiar decididamente o proceso de descolonización do Sáhara Occidental, de acordo coas resolucións da ONU.
“Os recentes asasinatos demostran a nula predisposición de Marrocos para avanzar cara a unha resolución pacífica do conflito” sinala Rego, quen considera necesario reforzar o papel das Nacións Unidas e da MINURSO para facer posíbel a celebración do referendo de autodeterminación que permita ao pobo saharauí decidir libremente o seu futuro.