BNG exixirá ao Goberno “cambiar as políticas e defender a frota pesqueira galega”
Néstor Rego interpelará ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación durante o pleno no Congreso e urxirá o executivo a paralizar a instalación da eólica mariña
“A Galiza debe ser declarada país altamente dependente da pesca. É un sector chave na economía galega que xera millares de postos de traballo” defende Rego
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpelará ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación no pleno do Congreso urxindo o executivo a mudar as súas políticas e defender os intereses do sector pesqueiro, especialmente o galego por ser un País altamente dependente da pesca que “merece ser declarado como tal”. Rego reclamará a Planas a paralización da implantación da eólica mariña até ter estudos concluíntes dos seus efectos e unha revisión das cotas.
A interpelación producirase esta mesma semana no pleno que se celebrará esta cuarta feira, 8 de outubro, durante a sesión de control ao Goberno. A organización nacionalista avanza que froito desta interpelación o pleno da cámara baixa tamén se deberá posicionar a respecto da moción que rexistrará o BNG.
Unha Unión Europea e un Estado que dan as costas ao sector pesqueiro
As decisións do Goberno do Estado e a Unión Europea están sendo lesivas para a frota pesqueira galega, a comezar pola redución e limitación de cotas “incluídas especies como a sardiña que xeran moitas dificultades e que foron recuperadas por anteriores limitacións mais que non sofren modificacións ou actualizacións na cota”.
As limitacións, tamén, á pesca con artes de fondo en areas do mar comunitario coa pretensión da Unión Europea de estendelo máis aínda “xerando máis dificultades” nun sector, sinala o deputado galego, que “é chave para a economía galega e que xera millares de postos de traballo de forma directa e tamén indirecta. Por exemplo, no complexo mar-industria e nas empresas de transporte”.
“A maiores, hai decisións do Goberno do Estado que poñen dificultades para esta actividade como a aprobación dos Plans de Ordenación de Espazos Marítimos (POEM) e a delimitación de zonas de alto interese para a produción de enerxía eólica que son unha ameaza a bancos pesqueiros e para a biodiversidade” enfatiza Néstor Rego.
Un xiro das políticas en materia pesqueira
“O obxectivo desta interpelación é reclamar ao Goberno do Estado que cambie as súas políticas en relación ao sector pesqueiro e recoñeza que a Galiza é un País altamente dependente da pesca” sinala o deputado nacionalista.
Do mesmo xeito, o BNG aproveitará a interpelación ao Ministro para demandar a paralización do despregamento da eólica mariña “até que non existan estudos sobre os seus efectos”. Segundo sinala Néstor Rego, por experiencias próximas -en países como Portugal- os efectos da instalación da eólica mariña son “altamente negativos” para o sector pesqueiro.