BNG exixe á Xunta unha regulación das vivendas turísticas para frear a fuxida de 12.800 fogares do mercado de alugueiro
Saleta Chao denuncia que a desregulación do PP converteu a vivenda "no primeiro motivo de exclusión social" e alerta do incremento do 68% no prezo do alugueiro desde 2015
A proposición nacionalista demandaba unha licenza urbanística previa de 5 anos e a declaración de zonas tensionadas para "impedir a hotelización do parque residencial"
A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Saleta Chao, defendeu hoxe no Parlamento galego unha proposición de lei para regular as vivendas de uso turístico (VUT) co obxectivo de "garantir o dereito á vivenda nun contexto de emerxencia habitacional". Durante a súa intervención, Chao denunciou que a Xunta de Galiza "permite e alenta" a fuxida de inmobles do parque residencial ao aloxamento turístico, unha situación que cualificou de "fracaso material" das políticas de vivenda impulsadas polo PP nas últimas décadas.
A deputada nacionalista puxo sobre a mesa datos demoledores: as VUT aumentaron un 84,4% en Galiza desde 2022, o que supón que 12.800 vivendas deixaron o mercado de alugueiro de longa duración para se dedicar ao turismo. Mentres, o prezo medio do alugueiro acadou o seu máximo histórico en 9,8 €/m², cunha suba do 68% acumulada desde 2015. "Adquirir unha vivenda en propiedade xa é prohibitivo; só o 4,7% das hipotecas asinadas en 2025 foron para menores de 35 anos", subliñou, ao tempo que denunciaba que en concellos como Sanxenxo hai 964 prazas turísticas por cada 1.000 habitantes e que onte só había unha vivenda en alugueiro por baixo dos 1.000 euros.
A proposta do BNG articúlase en tres eixos: a exixencia de licenza urbanística previa cunha validez de 5 anos; a elaboración dun mapa de concentración de VUT e un estudo do Observatorio da Vivenda; e a declaración autonómica de zonas de mercado residencial tensionado. Chao lembrou que medidas semellantes xa se aplican en Canarias, Cataluña, Euskadi e incluso en concellos gobernados polo PP, e increpou directamente ao Goberno galego: "Tensiona ou non tensioa o mercado do alugueiro que se vaian 12.800 vivendas do mercado residencial ao turístico desde o 2022? A Xunta ten competencia e responsabilidade para resolvelo".
Na réplica ás críticas do Partido Popular, Chao cualificou de "tremendo espectáculo" a intervención do portavoz popular e desmontou o argumento de que as VUT se estancaron en Galiza, lembrando que a suposta baixa se debe a unha orde do Ministerio de Consumo que obrigou a retirar do REAT 2.800 vivendas que incumprían a normativa. "Permite dar de alta vivendas sen control nin inspección, incumprindo a propia normativa da Xunta", aseverou. Finalmente, a deputada exixiu ao PP que se posicione "entre garantir o dereito á vivenda ou seguir apostando pola especulación".