Parlamento Galego

BNG exixe á Xunta que cumpra cos seus compromisos e rehabilite de xeito inmediato a Fonte de Troncoso

Cristina Fernández coa veciñanza

Cristina Fernández Davila denunciou o abandono e reclama a recuperación integral dun ben patrimonial recoñecido pola súa relevancia histórica, cultural e industrial

O BNG critica a negativa do PP a cumprir cos compromisos adquiridos e urxe á Xunta a recuperar de inmediato un ben declarado patrimonio cultural etnográfico

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández Davila, denunciou hoxe na Comisión 4.ª, Educación e Cultura, a negativa do Partido Popular a apoiar a rehabilitación integral da Fonte de Troncoso, no concello de Mondariz Balneario, a pesar da súa importancia histórica, cultural e patrimonial.

“Falamos dun edificio singular, obra do arquitecto Antonio Palacios, que forma parte do noso patrimonio cultural, histórico e industrial. Non se pode permitir que un ben deste valor, declarado patrimonio cultural etnográfico pola propia Xunta, siga afundíndose pola deixadez e inacción do goberno galego”, denunciou Fernández Davila durante a súa intervención.

A auga da Fonte de Troncoso, recoñecida como mineiro-medicinal dende 1873, é parte da historia termal de Mondariz Balneario, que chegou a ser un referente europeo no ámbito do turismo de saúde. A edificación foi incluída no Catálogo de bens a protexer do Concello, no Plan Básico Autonómico de Galiza, no Plan Nacional de Patrimonio Industrial e conta co respaldo de documentos internacionais como a Carta de Nizhny Tagil sobre patrimonio industrial.

A deputada do BNG lembrou que, tras a presión da veciñanza organizada na Plataforma SOS Fonte de Troncoso e tras unha intervención da Valedora do Pobo, o Concello logrou en 2020 a titularidade do edificio, ata entón en mans privadas. Posteriormente, en 2022, a Xunta comprometeuse a realizar as obras de consolidación e restauración, cun investimento anunciado de 500.000 euros.

“A situación é absolutamente escandalosa. O PP, que no seu día publicitou o convenio en plena campaña electoral, agora non só incumpre o prometido, senón que ademais vota en contra de que se execute a rehabilitación, permitindo que este ben siga esmorecendo e sendo vandalizado”, criticou.

Porén, e malia as reiteradas peticións do actual goberno local, a Xunta non executou a segunda fase comprometida, que incluía actuacións tan urxentes como a execución da cuberta, forxa, escalinatas e o corpo da fonte, deixando sen protección á edificación e favorecendo o seu deterioro progresivo.

“Nin hai avances, nin hai explicacións, salvo comunicar que non asumirán a reposición do tellado do pavillón de envasado. É unha deslealdade institucional e un desprezo absoluto pola veciñanza e polo noso patrimonio”, criticou a deputada nacionalista.

O BNG considera imprescindible que, ademais de avanzar na súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), a Xunta cumpra de inmediato coas obrigas adquiridas e execute as obras comprometidas, evitando que a Fonte de Troncoso siga esmorecendo.

“O que non pode facer o Partido Popular é usar o BIC como escusa para retrasar as obras ata pasar outro ciclo electoral. A responsabilidade da Xunta é clara e a súa obriga tamén: recuperar e poñer en valor este símbolo do noso patrimonio, da nosa historia e da nosa identidade”, concluíu Cristina Fernández Davila.