BNG exixe á Xunta un estudo de integración dos GES nos consorcios provinciais e un incremento urxente das achegas para emerxencias ante a situación crítica de efectivos e medios
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Iago Tabarés, presentou unha Proposición Non de Lei no Parlamento na que exixe á Xunta de Galiza a elaboración dun estudo completo sobre a integración dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal dentro dos Consorcios Provinciais de Extinción de Incendios e Salvamento, como paso previo á creación dun servizo público de emerxencias único, profesional e con cobertura en todo o territorio galego. A proposta foi rexeitada cos votos en contra do PP.
Tabarés denunciou a grave situación que atravesan tanto os GES como os consorcios provinciais de bombeiros, cunha "importante falla de recursos e de financiamento" que impide cumprir coas funcións atribuídas e pon en risco "a propiedade e a integridade física dos traballadores".
O deputado nacionalista lembrou que os traballadores dos consorcios provinciais estiveron case dous anos en folga para reclamar melloras laborais e de medios, e que o acordo alcanzado en 2023, que contemplaba un incremento de máis de 100 efectivos, "segue sen cumprirse". As consecuencias son "parques que teñen que estar pechados por falla de traballadores na quenda ou ausencia do número mínimo que permita actuar", con casos como os de Xinzo de Limia e O Carballiño, onde as gardas están por baixo dos mínimos establecidos.
A situación dos GES non é mellor. "Boa parte das comarcas de Lugo e de Pontevedra carecen de servizo pola renuncia dos concellos a asumir esta xestión", afirmou Tabarés, quen sinalou que hoxe hai seis zonas que deberían contar con GES e carecen del. Ademais, numerosos grupos "carecen dos efectivos necesarios para actuar, ben porque non se cobren o cadro de persoal ou as baixas, o que provoca que a cidadanía careza de servizo polas noites, ou que só teñan un único efectivo, o que impide a actuación", como sucede no Pereiro, O Barco ou Castro Caldelas.
O deputado nacionalista tamén denunciou "a ausencia de material (non batelumes, senón mangueiras, lanzas e outro material de intervención e protección estragado)", así como a "consideración profesional" dos traballadores, que nalgúns servizos "non son considerados como bombeiros, senón como peóns de caza e pesca, ou encargados do saneamento ou xestión de recursos".
Tabarés puxo o foco no financiamento "insuficiente -inferior ao de 2019-" e reclamou "un incremento do orzamento por parte da Xunta de Galiza". Así mesmo, criticou a "ausencia de planificación" e a "obsolescencia" dos principais instrumentos de planificación de emerxencias, como o PLATERGA.
Enmarcou esta reivindicación dentro dunha necesaria "reflexión sobre o estado do funcionamento do sistema de loita contra incendios, de emerxencias e salvamento", que debe partir dunha "verdadeira ordenación do territorio" e dunha "ordenación forestal" que permita un "aproveitamento racional e multifuncional do monte" como medida de prevención.
"Entendemos que a realidade vivida nos últimos anos, nomeadamente no anterior 2025, evidencia a necesidade de reconfigurar o dispositivo", concluíu Tabarés, quen insistiu en que a integración dos GES nos consorcios é "o primeiro paso" para que a Xunta asuma finalmente a xestión "dun servizo público e con mando único de extinción de incendios e salvamento".