Congreso

BNG exixe a Transportes prorrogar as bonificacións no transporte ferroviario para 2026

Néstor Rego

Néstor Rego demanda ao Goberno “aplicar a tarifa plana bonificada de cercanías na Media Distancia e servizos AVANT na Galiza” ao carecer deste servizo

A SX de Mobilidade Sustentábel, Sara Hernández Olmo, confirma que o estudo para a mobilidade diaria e cotiá terá  en conta criterios sociais e económicos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda compromiso real e vontade por parte do Ministerio de Transportes para prorrogar as bonificacións do transporte ferroviario para 2026 e aplicar unha tarifa plana bonificada aos tramos de Media Distancia e AVANT na Galiza para evitar a discriminación que implica carecer aínda de servizo de cercanías.

“Prorrogará as bonificacións no transporte ferroviario para 2026 e, de ser así, está en disposición de aplicar a tarifa plana bonificada de cercanías naqueles tramos de media distancia e AVANT na Galiza que por distancia ou tempo son equiparábeis para evitar a discriminación que implica carecer aínda dese servizo?” é a pregunta que o deputado do BNG no Congreso formulou Secretaria Xeral de Mobilidade, Sara Hernández Olmo.

Segundo lembrou o deputado nacionalista, após as prórrogas realizadas nas bonificacións ao transporte ferroviario, “demostrouse que cando hai un servizo de tren con prezos adecuados, hai demanda”. Unha cuestión, tanto a das prórrogas das bonificacións como a equiparación da Media Distancia e AVANT, incorporadas no Acordo de Investidura que conseguiu o BNG hai dous anos.

Ante o remate destas bonificacións a finais de ano, o deputado nacionalista demanda compromiso por parte do executivo estatal e vontade para concretar medidas prácticas que convertan estas tarifas nunha realidade que beneficie os galegos e galegas.

“Ademais de que a Administración ten que facer un maior esforzo na Galiza polo déficit histórico en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias, o Goberno debe ter a vontade de prorrogar estas bonificacións para 2026 e aplicar tarifas de cercanías para os tramos de Media Distancia e AVANT na Galiza” reivindica Néstor Rego.

De non comprometerse, sinala o deputado do BNG, os galegos e galegas estarían a pagar “dúas veces máis, cinco veces máis e até 10 veces máis” por carecer dun servizo -o de proximidade ferroviaria- a pesar de ter áreas urbanas de máis de 600 000 habitantes, “cuestión única no Estado español”.

Impulsar as cercanías ferroviarias e cumprir o acordado co BNG

“No Acordo de Investidura conseguido polo BNG recollíase que durante esta lexislatura se implantarían os servizos de cercanías ferroviarias. Sabemos que o Ministerio está a traballar no estudo para a mobilidade diaria e cotiá dos galegos e galegas e que se está a rematar mais é preciso axilizar a implantación deste servizo e que milleiros de galegos e galegas se vexan beneficiados” subliña o deputado nacionalista.

Pola súa parte, a Secretaria Xeral de Mobilidade Sustentábel sinalou que o Goberno do Estado “é consciente do agravio que ten a Galiza por carecer do servizo de cercanías ferroviarias” e confirmou que está a traballar nun novo marco de políticas de mobilidade e de transportes público “que garanta o dereito á mobilidade de todos os cidadáns, tendo presente a realidade territorial galega”.

Dentro destas políticas de mobilidade, engade Sara Hernández Olmo, o executivo está a traballar baixo principios como a accesibilidade e a cohesión territorial, alén de que o servizo ferroviario “debe ser asumíbel para o conxunto dos galegos e galegas”, en relación ao prezo das tarifas, tendo en conta “criterios de demanda mais tamén criterios sociais e económicos”.