BNG exixe a Rueda que se tome en serio a restauración tras os incendios para evitar catástrofes como a de Viana do Bolo

Montse Valcárcel

Montse Valcárcel achaca os efectos devastadores das riadas destes días á falta de actuación da Xunta nos montes que arderon no verán pasado

Reclama a situación de emerxencia territorial nas zonas afectadas e urxe á mobilización de recursos humanos e materiais para axudar á veciñanza 

O BNG vén de presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para reclamarlle ao Goberno do PP na Xunta que, dunha vez, se “tome en serio” a restauración hidrolóxico forestal do territorio afectados polos incendios e, de maneira urxente, tome medidas para axudar á veciñanza e evitar as consecuencias devastadoras das riadas que esta semana se viviron no Ourense Oriental, especialmente no Concello de Viana do Bolo. 

“O que estamos vendo estes días en Viana do Bolo non é só a consecuencia dunha tormenta forte; é a imaxe dun territorio ferido polos incendios do verán pasado que non tivo a restauración integral que se precisaba”, alerta a portavoz de Montes do BNG, Montse Valcárcel, que achaca á inacción do PP na Xunta a nova vaga de danos que sofre agora a veciñanza desta zona do País, con aldeas arrasadas polas riadas e aludes de lama, pedras e troncos. 

Riadas que, lembra, tamén causaron cortes de estradas, inundaron vivendas, baixos e adegas, colapsaron sumidoiros do Barco, deixaron núcleos incomunicados e afectaron a máis de vinte concellos da provincia, desde Verín até Valdeorras, pasando por Viana, A Mezquita e Chandrexa de Queixa. 

O que sucedeu era previsible e evitable

“A xente sabe que isto non cae do ceo sen máis e que un incendio non remata cando se apaga”, subliña a deputada do BNG, aludindo así ao “testemuño directo” de quen viviu a dobre catástrofe do lume de agosto de 2025 e da lama de xuño de 2026. “Non se trata só dunha hipótese técnica. Os veciños afectados atribúen directamente a virulencia dos aludes de lodo á destrución da cuberta vexetal producida polos incendios forestais do verán pasado, que eliminou a barreira natural de contención que protexía as aldeas”, explica, para remarcar que “esta conexión causal era previsible, coñecida e era evitable”.

A deputada nacionalista denuncia así que as actuacións de restauración executadas pola Xunta resultaron “claramente insuficientes”. Segundo a escasa información publicada polo Executivo, actuouse só sobre algo máis de 6.300 hectáreas e arredor de 100 quilómetros de pistas melloradas fronte a case ás 119.000 hectáreas queimadas. 

Situación de emerxencia territorial

Nas iniciativas rexistradas por Montse Valcárcel e Secundino Fernández o BNG reclama á Xunta, en primeiro lugar, que declare a situación de emerxencia territorial nas zonas do Ourense oriental afectadas polas riadas, con mobilización inmediata de recursos humanos e materiais para a limpeza, a reparación de infraestruturas viarias e o subministro eléctrico, e a atención ás persoas, explotacións gandeiras e agrícolas e vivendas prexudicadas. 

A proposta do BNG, que leva tempo advertindo do que ía suceder e instando á Xunta a cumprir a lexislación vixente sobre recuperación do territorio queimado, pasa  ademais pola posta en marcha dun plan de restauración hidrolóxico forestal integral nas zonas queimadas en 2025, dándolle prioridade a aquelas con máis  risco de erosión. 

Plan extraordinario e urxente de restauración

De feito, na actual situación, o Bloque reclama ao PP a aprobación nun prazo máximo de dous meses dun plan extraordinario de restauración hidrolóxico-forestal, con calendario e dotación económica suficiente, así como render contas no Parlamento sobre as actuacións que se leven a cabo. 

As iniciativas rexistradas solicitan tamén con carácter de urxencia á Administración Xeral do Estado o apoio necesario para a execución de actuacións de restauración pendentes nas zonas queimadas de Ourese, ao abeiro dos mecanismos previstos na Lei de Montes. 

Entre outras cuestións, a iniciativa nacionalista avoga así mesmo por impulsar un protocolo de avaliación sistemática do risco hidrolóxico post-incendio que permita identificar de forma preventiva as zonas con maior vulnerabilidade de erosión e arrastre.

Finalmente, o BNG reclama a comparecencia dos responsables da Xunta no Parlamento para dar explicacións polo acontecido especialmente en Viana do Bolo. “En agosto de 2025, os veciños de A Bouza, Pradocabalos, O Castro e outras aldeas foron desaloxados polo lume. Dez meses despois, as mesmas aldeas sofren as consecuencias directas desa destrución non restaurada de maneira suficiente”, conclúe Valcárcel.