BNG exixe o reforzo prometido nos CIM e denuncia a cadea de incumprimentos do PP en materia de violencia machista
A portavoz de Igualdade do BNG no Parlamento, Noa Presas, vén de rexistrar unha batería de iniciativas para reclamarlle ao o PP na Xunta que cumpra o prometido e poña en marcha un plan de reforzo real que permita á rede de Centros de Información á Muller ter máis persoal e máis financiamento.
“Ano e medio despois, cos concellos afogados tamén porque a financiación dos CIM é insuficiente, a Xunta do PP segue ocultando a diagnose feita nestes centros e segue sen un plan real no que se establezan medidas concretas para aumentar o persoal e os recursos económicos”, explica a deputada nacionalista, que considera estes centros unha peza clave na loita pola igualdade e contra a violencia machista.
Presas lembra que o PP, que iniciou a presente lexislatura rebaixando o rango político e institucional das políticas de igualdade coa eliminación dunha secretaría xeral específica, xa recortou en máis de un millón de euros os orzamentos para a loita contra a violencia machista nos orzamentos de 2026 e que só destina, segundo os datos do Consello de Contas, o 3 % a prevención e sensibilización.
Neste contexto, a demora no plan de reforzo dos CIM e na publicación da diagnose previa a dito plan súmase agora á “cadea de incumprimentos” e á “falta de impulso” do Goberno de Rueda en materia de igualdade e loita contra a violencia machista, subliña Presas que, entre outros exemplos, alude ao II Plan de Loita contra a Trata, aprobado con dous anos de retraso, ou ao plan de corresponsabilidade, “do que non se coñece aínda perspectiva de renovación nin avaliación media ou final”.
Galiza conta hoxe en día cunha rede de máis de 80 Centros de Información á Muller, que atenden a unha media de 18.000 persoas cada ano. Trátase ¬¬–explica Presas– dun recurso fundamental para o impulso de políticas de igualdade ao longo do territorio e por iso “é fundamental afondar na súa mellora, moi especialmente no que atinxe ao financiamento e ao incremento e estabilización de medios humanos, con perfís profesionais máis especializados e mellores condicións laborais”.
“Non pode haber un plan de reforzo clandestino”, advirte a deputada, que critica que o PP na Xunta manteña oculta a diagnose, feita mediante correo electrónico aos centros hai xa máis dun ano. O BNG xa a reclamou mediante o artigo 9 do Regulamento do Parlamento, máis só recibiu unha nota de prensa como contestación.
Ademais de pedir de novo os resultados desa diagnose previa ao plan integral de reforzo dos CIM, o BNG reclama nas iniciativas presentadas que concrete sen máis dilación medidas, calendario e orzamento.
Facéndose eco das demandas do persoal traballador dos CIM, o BNG reclama así mesmo mellora nas condicións laborais, unha aposta polas contratacións a xornada completa e a incorporación de novos perfís profesionais, así como un pacto para un novo financiamento do servizo.
A proposta do BNG para os Centros de Información á Muller pasa tamén polo rescate para o sistema público dos CIM móbiles, que o PP privatizou, e reestruturar os servizos ara garantir a coordinación.