BNG exixe no Parlamento un transporte escolar gratuíto e de calidade para o alumnado de Curtis e a súa comarca

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas: “Rapaces de Teixeiro teñen que ir ao centro escolar en taxi e pagar 200 euros para recibir a súa educación”

BNG demandou na Cámara a través do deputado Xosé Luís Rivas un transporte “digno e de calidade para o rural” que permita a conciliación das familias e a posibilidade de realizar un proxecto de vida “digno, sen necesidade de fixar a nosa residencia na cabeceira de comarca ou na cidade máis próxima”.

Rivas destacou o caso particular de Curtis e a súa contorna, que conta “cun dinamismo laboral e inmigratorio no que están a chegar familias que demandan cobertura de servizos mínimos, incluída a educación pública e igualitaria”. Porén, o que se atopan é a “improvisación e a incompetencia” do Goberno do PP que “só da a talla nos recortes”. Ademais, Rivas acusou ao Executivo de mentir cando presume da ratio alumnado-profesorado e cando fala de “marabillosas vantaxes fiscais para a xente do rural que non vemos por ningures”.

Exixiu o dereito a un transporte cunhas frecuencias, capacidade e horarios que corrixa a “marxinalidade” e a “penalización” da Galiza rural, onde rapazas e rapaces que escollen estudar e formarse nas súas aldeas quedan fóra do autobús que sae dende Sobrado dos Monxes e chega cheo cando alcanza Teixeiro. “Non hai suficientes prazas dispoñibles e o alumnado de Teixeiro teñen que ir en taxi a Curtis para recibir a súa educación cando teñen dereito a un transporte digno e gratuíto”, denunciou.

O deputado nacionalista expuxo os casos de nais e pais que deben alugar un taxi entre varios ou faltar a horas de traballo para transportar aos seus fillos e fillas ao centro escolar. Hai numerosos pais e nais, sobre todo entre a poboación inmigrante, “que grazas á incompetencia do Goberno do PP teñen que pagar 200 euros mensuais para que os seus fillos asistan ao Bacharelato”. Denunciou tamén a falta de desdobres nas escolas e institutos, ademais da conculcación do dereito ao comedor de varias alumnas e alumnos.

Na súa conclusión, o deputado nacionalista reclamou o dereito a “un ensino non universitario gratuíto, algo básico para que nos sintamos cidadáns de pleno dereito”, e advertiu ao Goberno do PP da súa “obriga” para facilitar os servizos públicos ás persoas que desexan levar ao cabo un proxecto de vida “sen custos adicionais” no rural.