BNG exixe paralizar a torre de control remota de Vigo e alerta da posibilidade de que absorba o tráfico doutros aeroportos galegos
“Non é de recibo degradar un servizo público en lugar de melloralo. A modernización de verdade pasa polo reforzo dos servizos públicos” defende Néstor Rego
O BNG reclama garantir as condicións laborais e a seguranza nos aeroportos galegos: “AENA non pode priorizar os lucros económicos frente á calidade e seguranza do tráfico aéreo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) avanza o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado para demandar a paralización da posta en marcha da torre de control remota do aeroporto de Vigo (Peinador), prevista para activarse o vindeiro 12 de xuño. O deputado do BNG, Néstor Rego, advirte do risco de que esta infraestrutura, pioneira no Estado, poida acabar centralizando o control doutros aeroportos galegos, como o da Coruña (Alvedro), co que isto implicaría en termos de seguranza e deterioración das condicións laborais do persoal.
“A torre de control remota de Vigo é un experimento tecnolóxico que non se adapta ás características complexas do tráfico aéreo da zona nin garante os niveis actuais de seguridade” afirma Rego, quen incide en que “non se pode permitir que o afán de redución de custos de AENA degrade os servizos públicos aeroportuarios na Galiza”.
Segundo sinala o BNG, a operación aérea na contorna de Vigo presenta particularidades moi singulares, tanto pola diversidade de aeronaves (comerciais, de emerxencias, sanitarias, de rescate ou de loita contra incendios), como polas complexas condicións meteorolóxicas e orográficas. A torre remota suporá unha redución significativa do campo visual de control –de 360 a 66 graos– e xa se prevén restricións operativas na franxa horaria de 9:30 a 11:30 horas, que limitarán os voos simultáneos, tanto instrumentais como visuais.
A formación nacionalista considera especialmente preocupante que a instalación desta torre dixital nun soto de Peinador, xusto a carón da torre física, poida responder á estratexia de absorber o control doutros aeroportos galegos, como xa alertou o colectivo de controladores aéreos. A coincidencia de que tanto Vigo como A Coruña teñan o mesmo concesionario privado do servizo (Saerco), alimenta as sospeitas de que esta operación busca reducir custos mediante a concentración de persoal, o que tamén implicaría un incremento da carga de traballo e risco para a seguranza aérea.
“Queremos saber se AENA pretende que desde Vigo se controle tamén Alvedro. A resposta da Directora de Seguridade de AENA foi ambigua e deixa esa porta aberta. Isto sería inaceptábel” insiste Néstor Rego. Ademais, o deputado lembra que “a tecnoloxía debe estar ao servizo dos profesionais, e non substituílos ou precarizalos. Non se pode eliminar a visión directa das e dos controladores, que é vital para a xestión segura do tráfico aéreo”.
O BNG subliña que, mentres outros aeroportos europeos empregan esta tecnoloxía con éxito, son casos con tráfico máis reducido ou homoxéneo, como os de Suecia ou London-City, a realidade galega non é comparábel, e menos aínda cando AENA recoñece limitacións operativas na torre remota.
A iniciativa do BNG: a debate e votación
“Paralizar a posta en marcha da torre de control remota en Vigo e abrir un proceso de diálogo co persoal técnico e sindicatos para avaliar a introdución do sistema de control remoto como un apoio, non substitución, das torres físicas” recolle a iniciativa nacionalista na parte resolutiva. Así mesmo, urxe desbotar calquera plan de trasladar a Vigo o control do aeroporto da Coruña e garantir a continuidade do control físico en Alvedro.
Por outra parte, o BNG reclama asegurar condicións laborais dignas e estabilidade para o persoal aéreo, técnico e de mantemento, evitando recortes e procesos de precarización.
Rego conclúe que “a modernización non pode servir de escusa para recortar dereitos e servizos. AENA debe priorizar a seguranza, o interese público e a calidade fronte aos lucros empresariais”.