BNG exixe explicacións á Xunta pola “intolerable reinvención” da ponte medieval de Furelos en Melide na súa restauración

Mini Rivas
Mini Rivas
Mini Rivas recrimina a Patrimonio a súa inacción ante unha “chapuza” de actuación que, ademais, non resolve os problemas estruturais da ponte  

“A actuación realizada sobre a ponte medieval de Furelos en Melide, unha xoia do Camiño -tal coma se denomina na inscrición que reza nunha laxe da entrada-, non é unha restauración e si unha reinvención ou reinterpretación dun monumento patrimonio de todos e todas a todas luces intolerable”. Con esta rotundidade resumiu o deputado nacionalista Mini Rivas o resultado das obras de restauración e posta en valor realizadas sobre o que é un dos elementos patrimoniais destacados do Camiño Francés.

“Onde estaba Patrimonio e o seu labor de custodia do que é de todos e todas e conforma a memoria identitaria colectiva? E agora que facemos? Laiamos”, cuestionou nunha pregunta na comisión parlamentaria de Cultura na que criticou ao Goberno galego que non fiscalizase para garantir o cumprimento da Lei de Patrimonio a intervención do Ministerio de Transportes que cualificou de “chapuza” e que, ademais, non resolve os danos estruturais da ponte.

“Non facía falta facelo con cemento, as pedras estaban alí, só había que colocalas e afincalas como se facía antes; pero non estaba contemplada esta actuación e tampouco a de corrixir as fisuras, pois daquela que estaba contemplado: lavarlle a cara e botarlle maquillaxe?”, inquiriu, para reprochar a continuación que a Xunta tamén desoíu as advertencias sobre os erros da intervención realizadas polo propio Museo Terra de Melide en reunións de traballo nas que se chegaron a acordos “que nunca foron cumpridos a excepción da colocación da pedra vertical nos peitorís da ponte, que si foi corrixida”.

Neste sentido, considerou incomprensible que os tallamares e os esporóns da ponte quedaron sen reconstruír e seguen en ruínas, cuestión sobre a que advertiu xa que, segundo recalcou, “cando as enchentes veñan e presionen os piares sen elementos disuasorios que corten a forza das augas, as pedras maquilladas non van achegar seguridade ao elemento arquitectónico; en todo caso, máis peso, porque os petrís foron aumentados esaxeradamente en altura”.

Logo de advertir tamén que o empedrado descuberto na ponte durante as obras non foi conservado e non se deixou coma mostra do orixinal, que a pedra empregada na actuación foi allea á zona e que o miradoiro “non ten razón de ser ningunha porque tapa a visión da ponte ao que vén camiñando”, o deputado do BNG reprobou que se perdera “unha oportunidade de ouro” para facer que a actuación fose encamiñada, primeiro, a corrixir os problemas estruturais que ten a ponte e, despois, para efectivamente restaurala e poñela en valor. “É triste que o que se utiliza dende o Goberno galego como símbolo de tantas cousas -en referencia ao Camiño- estea maltratado así nos seus elementos principais”, concluíu. 
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG