parlamento galego

BNG exixe explicacións pola fragmentación abusiva na contratación da Xunta e o prexuízo económico ocasionado

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil denuncia o abuso de contratos menores como un exemplo máis de como o PP pon os recursos públicos ao servizo das súas empresas amigas

Reclama a Rueda que se poña ao lado da xente en vez de menosprezar e criminalizar á veciñanza que rexeita a instalación da macrocelulosa en Palas

A viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, reclamou este luns ao Goberno do PP explicacións polo uso abusivo de contratos menores na Xunta, unha práctica que, segundo advertiu, implica un prexuízo económico tanto para as arcas públicas como para as empresas que non poden concorrer a procesos abertos de licitación para a prestación de servizos.

O BNG demandará formalmente ao PP toda a documentación sobre os contratos menores asinados durante os últimos anos pola Administración autonómica -tanto polas consellerías como por outros organismos dependentes da Xunta- tan pronto se inicie a actividade parlamentaria, segundo avanzou Rodil tras a reunión da primeira xunta de portavoces da XII Lexislatura.

A deputada nacionalista advertiu que tanto as investigacións xornalísticas que se están publicando estes días como os propios informes do Consello de Contas apuntan a que “o PP está a usar de maneira sistemática a contratación a dedo, recorrendo de maneira perversa a fragmentación  de contratos”, unha vía “nada transparente” que favorece a vulneración do principio de libre concorrencia e a transparencia na contratación pública.

Facéndose eco das investigacións de El Salto, referiuse así aos 1.311 contratos a dedo, por un montante de case 5 millóns de euros, que o PP na Xunta adxudicou entre 2018 e 2023 ao grupo Eulen, dirixido en Galiza pola irmá do ex presidente do Executivo galego e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. Un exemplo, engadiu, de como a Administración autonómica podería estar recorrendo á fragmentación de contratos como vía para saltarse o proceso de licitación pública.

Rodil destacou, ademais, que “non parece xustificado” que, tal e como apuntan as informacións publicadas, o Goberno galego asinara máis dun millón de contratos sen concurso público por un importe de 4.000 millóns de euros no período 2918  e 2023. “Pode haber casos, por suposto, nos que estean xustificados eses contratos fraccionados, pero que se faga de maneira sistematizada como estamos vendo non parece xustificado”, manifestou.

A viceportavoz nacionalista considerou que este abuso dos contratos menores é un  “exemplo máis de como o PP pon os recursos públicos ao servizo dun puñado de empresas amigas, “xa sexa Altri da man de Greenalia, con Beatriz Mato no consello de administración,  ou xa sexa Eulen coa irmá de Feijóo na dirección en Galiza”, engadiu.

A macrocelulosa que Altri proxecta en Palas será outro dos temas prioritarios para o BNG neste inicio de lexislatura, tal e como avanzou Rodil que, neste sentido, alertou das “decisións de enorme calado” que está tomando a Xunta estes días, a pesar de que o Goberno está todavía en funcións.

Decisións, agregou, que afectan directamente á vida dos galegos, como “o apoio férreo ao proxecto de Altri” que, se chega a instalarse, “suporá un enorme prexuízo na Ulloa e en todo o corazón de Galiza, polo enorme impacto ambiental, social e económico que terá na zona e no conxunto do País”, asegurou.   

O BNG, a carón dos veciños que piden frear unha auténtica bomba ambiental

Rodil asegurou que o BNG “non vai agardar nin un só día para facer o seu traballo de oposición” e poñerse do lado da xente, fronte a un PP que “en vez de escoitar o que lle están dicindo os veciños de Palas, Santiso, Melide, Agolada ou da ría de Arousa, que lle piden frear esta bomba ambiental, o que fai é menosprezalos, intentar criminalizalos e, o peor, ameazalos con quitarlle as terras para darllas a Altri”, alertou.

É por iso que o Bloque pedirá ao Goberno de Rueda que reconsidere a súa posición respecto a Altri, defendendo o País fronte a un proxecto que nada ten que ver co se anunciou, posto que “esta non é unha fábrica de fibras téxtiles, é unha fábrica de celulosa que pretende succionar do río Ulla máis auga da que consumen 350 mil persoas nun só día e ademais vertela de novo despois de procesos altamente contaminantes ao río Ulla e á ría de Arousa”, subliñou.

A deputada nacionalista preguntouse, ao respecto, “se o PP sabía dende o comezo que non se ía instalar unha fábrica de fibras téxtiles e estivo mentíndolle a todo o durante estes anos ou é que o Goberno deste País non se decata de nada e aínda así vai darlle luz verde a unha auténtica bomba ambiental, agora que si sabemos o que quere facer Altri? 

Olalla Rodil informou, por outra banda, de que o BNG vai contar nesta lexislatura con cinco deputadas e deputadas en cada comisión parlamentaria, dous máis que na anterior etapa grazas ao importante incremento de apoios recibidos nas eleccións do 18 de febreiro, nas que os galegos e as galegas situaron ao Bloque como líder da oposición e “alternativa clara” ao Partido Popular.

Subliñou, sobre esta cuestión, o que Bloque vai facer una oposición construtiva “dende o minuto un”, traballando arreo e  presentando a carón de cada crítica, de cada problema, unha alternativa. “O BNG seremos a voz das galegas e dos galegos no Parlamento, dos sectores sociais e económicos, dos movementos e organizacións sociais desenvolvendo un traballo moi pegado ao territorio”, concluíu.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG