Congreso

BNG exixe no Congreso a ruptura total de relacións con Israel e o fin do comercio de material represivo con empresas israelís

Néstor Rego

Néstor Rego di a Marlaska que “manter calquera tipo de relación comercial con Israel supón participar de maneira directa nun xenocidio”

“O que estamos a presenciar é un xenocidio televisado. Levar 590 días vendo esta barbarie non debe levarnos á aceptación nin á indiferenza” sinala Rego

 

Madrid, 21 de maio de 2025. O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, denuncia durante a comparecencia do Ministro do Interior -solicitada polo propio BNG- a continuidade das relacións comerciais con Israel e exixe ao Goberno español que actúe de forma coherente e contundente frente ao xenocidio contra o pobo palestino. O deputado do BNG demanda tamén medidas concretas como a ruptura total de relacións co Estado israelí, a paralización de contratos militares e o illamento internacional do réxime sionista.

Durante a comparecencia, Néstor Rego traslada unha serie de demandas claras ao executivo español. “O BNG reclama a implicación directa do Goberno para garantir a entrada inmediata de axuda humanitaria en Gaza e evitar máis mortes por fame e desnutrición. Así mesmo, exixe a ruptura total das relacións diplomáticas, comerciais e militares con Israel, así como o impulso do seu illamento internacional” enfatiza.

O deputado galego defende que o pobo palestino ten dereito a vivir en paz, con liberdade e dignidade na súa propia terra: “Palestina debe ser libre, e a comunidade internacional ten a obriga moral e política de actuar para que iso sexa posíbel” di.

"Comerciar con Israel é colaborar cun xenocidio"

O deputado nacionalista sinala que manter calquera tipo de relación comercial con Israel, especialmente no ámbito armamentístico, supón participar dunha maneira directa nun xenocidio que se está a desenvolver á vista de todo o mundo. Rego advirte que a actuación de Israel en Gaza responde a unha estratexia de exterminio deliberado da poboación palestina, coa intención de provocar unha limpeza étnica e ocupar o territorio.

Neste sentido, lembra declaracións públicas de líderes israelís en que se xustifica o asasinato de crianzas e civís como parte da operación militar, comparando estes discursos coa ideoloxía nazi polo seu contido abertamente xenocida.

Gaza, un campo de exterminio: alerta humanitaria extrema

Rego fixo un chamamento á Comunidade Internacional frente á traxedia humanitaria que se vive en Gaza. Lembra que Israel ten “bombardeado hospitais, escolas –mesmo as da ONU– e destruído as infraestruturas básicas como a subministración de auga e enerxía”. Ademais, mantén un bloqueo que impide a entrada da axuda humanitaria, provocando fame extrema entre a poboación.

O deputado do BNG advirte da gravidade do momento actual, citando informes recentes das Nacións Unidas que sinalan que 14.000 bebés poderían morrer nas vindeiras horas se non se permite a entrada inmediata de axuda. "As crianzas palestinas teñen dereito a durmir sen bombas, sen fame, sen medo” afirma con contundencia.

A hipocrisía da UE e o silencio cómplice de Occidente

Outro dos puntos centrais da intervención de Rego foi a crítica á inacción da Unión Europea, que –segundo afirma– mantén unha actitude de dobre moral ao condenar certos conflitos internacionais mentres tolera ou minimiza os crimes cometidos por Israel. Citou titulares da prensa recente nos que se informa de que a UE “comeza” agora a revisar o seu acordo de asociación con Israel por “posíbeis” violacións de dereitos humanos, cando os feitos xa foron claramente cualificados pola Corte Internacional de Xustiza e a Corte Penal Internacional como crimes de guerra e de lesa humanidade.

“O que estamos a presenciar é un xenocidio televisado. Levar 590 días vendo esta barbarie non debe levarnos á aceptación nin á indiferenza” declara.