congreso

BNG exixe ao MITECO denegar a concesión para a instalación da central eléctrica reversíbel no Tambre

Néstor Rego, despois de reunirse coa Plataforma “Non á balsa Cornanda-Tambre”, rexistra iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado rexeite esta instalación

A organización nacionalista alerta das repercusións que terá a autorización destas infraestruturas e comprométese a traballar para “impedir unha nova desfeita ambiental, económica e social”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno denegue a autorización da concesión para a instalación da presa hidroeléctrica reversíbel no río Tambre, así como da súa infraestrutura de evacuación. No concreto, o BNG demanda ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que desestimen as dúas solicitudes presentadas por Green Capital Power, SL e Espiral Renovables, SL para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no Río Tambre mediante unha central hidroeléctrica reversíbel e denegando a concesión sobre o dominio público hidráulico.

Augas de Galiza abría o pasado mes de febreiro o trámite de información públicas sobre as peticións dunha concesión de augas superficiais para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no río Tambre. Estas peticións son dous proxectos: por unha banda, o presentado por Green Capital Power, SL, (339 MW) que propón a instalación dunha central hidroeléctrica de bombeo no Tambre e que afectaría aos concellos de Brión, Negreira, Lousame e Rois; e, por outra banda, o rexistrado por Espiral Renovables, SL, (420 MW) para a mesma finalidade, a construción dunha central hidroeléctrica reversíbel que afectaría só os concellos de Brión e Noia, diferenza que atende basicamente ás liñas de evacuación previstas.

Neste sentido, a organización nacionalista, despois de que o seu deputado no Congreso, Néstor Rego se reunise coa plataforma veciñal que rexeita o proxecto para a instalación dunha central eléctrica reversíbel, rexistra unha iniciativa na cámara baixa. Na mesma, o BNG exixe ao MITECO “denegar a autorización de concesión do dominio público hidráulico para a instalación da presa hidroeléctrica reversíbel no Río Tambre e da súa infraestrutura de evacuación, solicitada polas empresas Green Capital Power e Espiral Renovables.

De central hidroeléctrica en central hidroeléctrica

A nova central precisaría da construción dun novo embalse, superior á do actual encoro existente que funcionaría como depósito inferior, que se situaría na parroquia de Cornanda, en Brión. Unha zona, explica o deputado do BNG, moi próxima a núcleos de poboación e na que se sitúan terreos agrarios e forestais de alto valor produtivo.

“Esta concesión implicaría prolongar por 75 anos máis o actual encoro do Tambre, que funcionaría como depósito inferior do que captar e devolver auga, sen avaliación, nin estudo nin nova concesión” denuncia Rego. Neste momento, aclara, no encoro Barrié de la Maza hai vixentes tres concesións para usos hidroeléctricos e, con esta nova concesión, alongaríase máis aló do prazo máximo” o que contraviría a Directiva Marco e a vixente lexislación de augas.

Alén do máis, o deputado do BNG sinala que a concesión “terá un grave impacto sobre os núcleos de poboación próximos á nova balsa proxectada” e, no concreto, as aldeas de Busto de Frades, Cornanda, A Graña e Vilariño, pertencentes á parroquia de Cornada e ao Concello de Brión.

Forte impacto social, económico e medioambiental: perda da calidade de vida

“A execución destes proxectos afondaríase claramente no despoboamento e o abandono da zona. A perda, de feito, sería dobre: pola perda de terreos forestais, agrícolas e gandeiros que provocarán unha diminución na produción directa; e, por outra banda, tamén pola perda de acceso a axudas e subvencións que se reciben ligadas á superficie das explotacións” sinala Néstor Rego a respecto do impacto socioeconómico.

Do mesmo xeito, “debe repararse tamén no forte impacto sobre as augas, tanto superficiais como subterráneas”. Do mesmo xeito, continúa Rego, debérase valorar a situación de “constante contaminación acústica á que será sometida a poboación da parroquia de Cornanda”. “Sería necesario sopesar o grave impacto que esta nova infraestrutura hidráulica terá sobre o medio natural, especies e espazos protexidos” destaca o deputado do BNG.

“A implantación desta presa hidroeléctrica reversíbel, suporía efectos enormemente negativos para a zona, a súa veciñanza e o medio ambiente natural, efectos negativos que poden estenderse nun amplo radio xeográfico e temporal” conclúe Rego.

Colaboración entre institucións para unha planificación enerxética racional

“O MITECO debe paralizar todos os proxectos para a xeración de enerxía actualmente en tramitación para, en colaboración coa Xunta de Galiza e respectando as súas competencias propias en esta materia, realizar una valoración conxunta do desenvolvemento das enerxías renovábeis na Galiza para unha planificación adecuada e coordinada” sinala o deputado do BNG no Congreso.

Do mesmo xeito, continúa, o Goberno debería elaborar xunto coa Xunta, unha planificación enerxética conxunta asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio, que “respecte os núcleos de poboación e á vida das persoas, que protexa o patrimonio natural e cultural e garanta o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG