congreso

BNG exixe ao Goberno usar a toponimia oficial da Galiza na nova edición do Foro da Toxa

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego avanza iniciativas no Congreso para impedir, máis unha vez, que se deturpe a toponimia propia da Galiza, tal e como estabelece a lexislación vixente

“É un evento organizado por empresas privadas mais tamén está sufragado con diñeiro público. O executivo non pode permitir esta ilegalidade e non debe participar nela” alega

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza o rexistro de iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado non permita, máis unha vez, a deturpación do topónimo da Toxa nunha nova edición do Foro. Para a organización nacionalista, o executivo estatal -así como todas as entidades públicas- debe respectar as formas toponímicas galegas lexítimas, correctas e únicas con carácter oficial sempre e en todo lugar e, se estiver deturpada, realizará todas as actuacións necesarias para corrixilo, tal e como estabelece a lei.

Nos últimos días do mes de setembro estase a realizar unha nova edición do Vínculo Atlántico que continúa a deturpar o nome lexítimo da Illa da Toxa, no Concello do Grove. No programa desta edición aparecen altos cargos do Goberno e figuras institucionais como o actual Presidente da Xunta de Galiza, a ex ministra de Asuntos Exteriores, Arancha González Laya, ou a Presidenta da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, Cristina Herrero, entre outros.

Cumprir a lei e respectar a toponimia oficial

“As leis e decretos que fixaron as denominacións oficiais na Galiza son de obrigado cumprimento tanto para entidades privadas como públicas, porén, máis unha vez, temos que denunciar a vulneración da toponimia galega” afirma o deputado do BNG. É a Administración pública a que ten  o deber de velar polo cumprimento xeral das normas e, polo tanto, o Goberno do Estado “debe garantir que se respecten as leis vixentes”.

Segundo estabelece a actual lexislación, a través do artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística do Parlamento de Galiza, os topónimos da Galiza terán como única forma oficial a galega e  engade que “corresponde á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos da Galiza”.

Actuar e corrixir a deturpación

A formación nacionalista, mediante o seu deputado no Congreso que avanza o rexistro de novas iniciativas ao respecto, reclama ao executivo estatal que leve a cabo “todas as xestións e negociacións necesarias para que este Foro cumpra a lexislación vixente e respecte a toponimia da Toxa”. Rego destaca que “debe garantirse que coñecen a realidade e a cultura galegas, o seu idioma, caracteres propios e a súa toponimia real”.

E se a organización do Foro rexeitase corrixir a deturpación, continúa o deputado do BNG, o Goberno do Estado así como todos os representantes de entidades públicas deberán rexeitar o convite. “É un evento organizado por empresas privadas mais tamén está sufragado con diñeiro público. O executivo non pode permitir esta ilegalidade e non debe participar nela” conclúe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG