BNG exixe ao Goberno rexeitar o proxecto de ampliación da ponte sobre o río Cabe en Monforte ante o seu impacto
Néstor Rego rexistra iniciativas para que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil denegue a autorización para a construción desta nova infraestrutura ante o seu impacto ambiental e urbanístico
Emilio J. Sánchez exixe atender as alegacións da veciñanza: “non responde ás necesidades reais de mobilidade e implica unha agresión innecesaria”
O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado denegar a autorización ao proxecto para a construción dunha nova ponte metálica sobre o río Cabe ao seu paso por Monforte de Lemos, após a súa recente publicación no BOE por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A organización nacionalista alerta do forte impacto ambiental e urbanístico dunha actuación que considera “inxustificada e lesiva” para unha das zonas verdes máis valiosas da vila.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que “aclare de inmediato se coñece en profundidade este proxecto e se avala unha intervención que supón a ocupación da zona de servidume do dominio público hidráulico e unha transformación irreversíbel da contorna do río”.
O BNG critica que a nova infraestrutura, que substituiría a actual pasarela peonil, introduce tráfico rodado nun espazo natural, cunha ampliación da estrutura e ramplas de até tres metros de altura que “alterarían completamente a marxe do río e fragmentarían o parque do Malecón”. Neste sentido, Néstor Rego subliña que “non existe unha xustificación sólida para esta obra cando nin sequera se analizaron de maneira rigorosa alternativas menos agresivas”.
A formación nacionalista insiste en que a mellora da mobilidade en Monforte debe facerse “desde unha planificación racional que priorice as persoas e a protección do patrimonio natural”, apostando por vías alternativas para o tráfico rodado e evitando intervencións que incrementen a presión sobre o centro urbano.
Graves dúbidas de legalidade
O deputado do BNG advirte, ademais, de que o propio proxecto recoñece afeccións ao dominio público hidráulico, incluíndo a ocupación da zona de servidume do río, o que podería vulnerar a normativa vixente, nomeadamente o texto refundido da Lei de Augas e o Regulamento do Dominio Público Hidráulico.
Neste contexto, Néstor Rego reclama á Confederación Hidrográfica Miño-Sil “actuar con responsabilidade e vele polo cumprimento estrito da legalidade, denegando unha autorización que permitiría consolidar usos non permitidos nunha zona especialmente protexida”.
Atender as alegacións da veciñanza
O voceiro do BNG en Monforte, Emilio J. Sánchez, urxe o Goberno a garantir que se teñan en conta as alegacións presentadas por veciñanza, colectivos sociais e entidades ecoloxistas, que rexeitan maioritariamente o proxecto polos seus efectos ambientais e urbanísticos.
Finalmente, o voceiro municipal do BNG demanda transparencia sobre a posíbel implicación económica do Estado na obra e reclama “non destinar recursos públicos a unha actuación que vai en contra do interese xeral e da protección do medio natural”.
“Estamos ante un proxecto que non responde ás necesidades reais de mobilidade e que supón unha agresión innecesaria ao río Cabe e ao seu entorno. O Goberno debe actuar e impedir esta actuación” conclúe Sánchez.