BNG exixe ao Goberno respectar as adxudicacións das vivendas da SAREB en Narón e entregalas ás persoas beneficiarias
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado garantir o cumprimento das adxudicacións das vivendas de promoción protexida situadas na rúa Santa Tegra e na rúa Grove, no termo municipal de Narón, e respectar os dereitos das persoas beneficiarias que, máis de ano e medio despois do sorteo celebrado ante notario, continúan sen recibir as chaves nin información clara sobre a súa situación.
Néstor Rego denuncia que as persoas afectadas están a padecer unha situación de "absoluta indefensión" provocada pola falta de información e coordinación entre a SAREB, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e a nova sociedade pública Casa 47. "É inadmisíbel que persoas que obtiveron legalmente unha vivenda nun sorteo público continúen sen resposta mentres descobren, a través dunha simple consulta, que os inmóbeis poderían ter sido destinados a outro fin” censura.
O IGVS informou en febreiro de 2025 do sorteo de 25 vivendas de protección autonómica situadas na rúa Santa Tegra número 55 e na rúa Grove, en Narón. Aínda que 18 delas chegaron a entregarse, as restantes pasaron ás persoas da listaxe de reserva após as renuncias dalgúns das persoas adxudicatarias iniciais. Porén, transcorrido máis de ano e medio, estas persoas seguen sen recibir información sobre o estado da súa adxudicación nin sobre os trámites necesarios para formalizar a adquisición.
Segundo explica Rego, unha das persoas afectadas dirixiuse ao IGVS para coñecer o estado do procedemento, sendo remitida á SAREB como entidade promotora. Foi entón cando recibiu unha resposta na que se lle comunicaba que "a maior parte dos seus activos residenciais" foran reservados para seren destinados a vivenda pública en alugueiro accesíbel e social mediante o seu traspaso á sociedade pública Casa 47.
Esta situación, en opinión do deputado nacionalista, resulta "extraordinariamente grave" xa que "unha persoa que é adxudicataria dunha vivenda por un procedemento público e validado ante notario non pode ver alterados os seus dereitos por unha decisión administrativa posterior sen explicación ningunha". Neste sentido, reclama que o executivo estatal "respectar escrupulosamente os dereitos adquiridos polas persoas beneficiarias e complete, sen máis demora, a tramitación necesaria para facer efectiva a entrega das vivendas".
Transparencia sobre o futuro das promocións
A formación nacionalista demanda explicacións sobre a decisión da SAREB de destinar parte destas vivendas a alugueiro social cando xa existían adxudicacións formalizadas e considera que as persoas afectadas deberían ter sido informadas con total transparencia de calquera modificación no réxime dos inmóbeis.
"O Goberno non pode permitir que unha entidade pública ou participada polo Estado xere esta inseguridade xurídica e deixe ás persoas adxudicatarias nun limbo administrativo durante meses. É a súa responsabilidade ofrecer información, asumir as súas obrigas e garantir o cumprimento dos compromisos adquiridos" afirma o deputado nacionalista.
Así mesmo, reclama que o Goberno se poña en contacto de maneira inmediata coas persoas afectadas para informalas da situación real das promocións e das actuacións previstas, garantindo que ningunha persoa perda unha vivenda que lle foi legalmente adxudicada.