BNG exixe ao Goberno reforzar os centros do ISM na Galiza con “máis persoal e máis medios”
Néstor Rego sinala que as unidades móbiles non poden servir para continuar a desmantelar servizos nin o fechamento ou substitución dos centros existentes
Reforzar o cadro de persoal sanitario e administrativo, a comezar por cubrir as vacantes, e dotar os centros de medios necesarios: medidas que defende o BNG
O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar ao Goberno que reforce os centros do Instituto Social da Mariña (ISM) na Galiza frente á implantación das unidades móbiles. O deputado nacionalista, Néstor Rego, advirte que estas unidades non poden implicar a supresión dos centros, polo que urxe cubrir as vacantes e reforzar o cadro de persoal, así como dotar de medios suficientes os centros, para garantir a prestación do servizo.
En opinión do deputado nacionalista aínda que a creación destas unidades móbiles pode contribuír a mellorar o acceso en zonas sen servizo, “non pode converterse nun argumento para continuar co progresivo desmantelamento dos centros físicos nin para evitar afrontar os problemas estruturais que arrastra o ISM na Galiza”. Neste sentido, advirte que esta realidade “non se resolve unicamente con unidades móbiles”, senón que require “un compromiso real co reforzo dos medios humanos e materiais”.
“O Goberno debe informar de cantas unidades móbiles prevé adquirir, como serán distribuídas territorialmente e cantas estarán destinadas á Galiza” sinala Rego, insistindo en que “deben ser un complemento e nunca unha substitución dos centros actuais nin un paso previo ao seu fechamento”.
O deputado nacionalista lembra que o BNG leva anos denunciando a falta de persoal médico, as deficiencias nas dotacións, a redución de horarios e mesmo o peche temporal de oficinas. Como exemplo, cita o caso da oficina do ISM de Camariñas, que estivo semanas pechada pola falta de cobertura dunha praza, evidenciando “a precariedade do servizo e a falta de planificación”.
Así mesmo, Rego reclama coñecer se o Goberno cumpriu co anunciado respecto á cobertura de vacantes e á incorporación de novo persoal sanitario marítimo en centros da Galiza —na Coruña, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Ferrol, Noia, Corcubión e Burela—, xa que “non se ten constancia de que estas medidas se fixesen efectivas”.
O BNG tamén pon o foco nas dificultades para acceder aos cursos obrigatorios de formación sanitaria marítima, imprescindíbeis para poder embarcar, denunciando que “as persoas traballadoras do mar non poden esperar meses para obter unha acreditación que condiciona directamente a súa actividade laboral”.
“É imprescindíbel garantir unha atención adecuada, en tempo e forma, ás máis de 18.000 persoas afiliadas ao réxime especial do mar na Galiza” subliña Néstor Rego, quen insiste en que “o dereito a traballar no mar non pode depender da falta de medios da Administración”.