Congreso

BNG exixe ao Goberno garantir a liberdade de expresión e pór fin á criminalización da solidariedade co pobo palestino

Néstor Rego

Néstor Rego pide unha investigación interna sobre a actuación da Garda Civil: “defender os dereitos do pobo palestino non pode ser tratado como un delito”

O BNG, ante a persecución ideolóxica e a censura política realizada pola Garda Civil ao activista Bruno Lopes Teixeiro, exixe garantías reais para a liberdade de expresión

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas para reclamar ao Goberno explicacións e actuacións inmediatas ante a denuncia presentada pola Brigada de Información da Garda Civil contra o activista galego Bruno Lopes Teixeiro, militante do Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes, por un presunto delito de odio derivado de publicacións en redes sociais de apoio á loita do pobo palestino e de denuncia das agresións do Estado sionista de Israel.

Néstor Rego, advirte de que esta actuación “implica unha ameaza directa á liberdade de expresión e ao pluralismo político” e cuestiona “a incapacidade das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado para, ao parecer, saber diferenciar con claridade o antisionismo do antisemitismo”.

O BNG considera que a denuncia, baseada unicamente en chíos públicos do activista, carece absolutamente de fundamento e que se trata dunha acusación infundada que criminaliza opinións lexítimas. “Na Galiza son milleiros as persoas que rexeitan a existencia dun Estado sionista imposto sobre o pobo palestino e baseado na ocupación e na discriminación racial e relixiosa, e iso non pode ser motivo de persecución policial” subliña Rego.

O deputado nacionalista lembra que a solidariedade co pobo palestino maniféstase de múltiples formas —mobilizacións, concentracións e tamén comunicacións nas redes sociais— e que “exixir o fin do xenocidio e defender os dereitos dun pobo non pode ser considerado un delito de odio”.

Ante o acontecido, o deputado do BNG reclama ao Goberno que aclare se coñece esta liña de actuación da Garda Civil e se desmarque explicitamente de calquera interpretación que considere que a denuncia do sionismo ou a defensa do dereito á existencia do pobo palestino constitúan un delito. “Hai que garantir o pleno exercicio dos dereitos fundamentais da cidadanía, tamén o de liberdade de expresión, de prensa e de manifestación” afirma Rego.

A formación nacionalista demanda tamén ao Goberno aclarar se deu algunha indicación para perseguir actos ou mostras de solidariedade coa Palestina e que, de non ser así, emita instrucións claras para evitar actuacións semellantes no futuro. “Non podemos permitir que se inicie no Estado español unha deriva represiva como a que xa se está a ver noutros países europeos, onde se chegou a prohibir calquera mostra de apoio ao pobo palestino” alerta o deputado do BNG.

Finalmente, o BNG exixe que se investiguen as actuacións da Garda Civil neste caso concreto e que se adopten medidas para garantir que as Forzas e Corpos de Seguranza do Estado comprendan a diferenza entre antisemitismo e antisionismo, asegurando sempre o respecto polos dereitos fundamentais e evitando situacións de indefensión da cidadanía. “Defender os dereitos dos pobos e combater o fascismo non pode converterse nunca nun motivo de persecución” conclúe Néstor Rego.