BNG exixe ao Goberno do Estado non apoiar o peche da actividade pesqueira nos 94 caladoiros propostos pola Comisión Europea

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego solicita a comparecencia do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación para coñecer a posición do executivo ante esta medida comunitaria que afectaría gravemente ao sector pesqueiro estatal e, sobre todo, ao galego

A frente nacionalista demanda diálogo e transparencia co sector pesqueiro, así como contar con estudos “serios e rigorosos” que detecten as zonas verdadeiramente vulnerábeis acompañados dunha análise sobre o impacto socioeconómico que terá o seu peche

O Bloque Nacionalista Galego rexistra a solicitude de comparecencia do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación no Congreso para que explique a posición do Goberno do Estado ante a intención da Comisión Europea de pechar á actividade pesqueira un total de 94 caladoiros –do Golfo de Cádiz até a zona norte do Gran Sol- que tería un impacto moi negativo para a frota pesqueira. O deputado do BNG na cámara baixa, Néstor Rego, comprométese, ante o malestar do sector pesqueiro e agora que se retoma a actividade política e a decisión segue no aire, a traballar para que o executivo estatal non apoie esta medida que precisa ser adoptada por unanimidade.

A intención da Comisión Europea de pechar para a actividade pesqueira un total de noventa e catro caladoiros está a producir malestar e preocupación entre o sector pesqueiro. As áreas afectadas van desde o Golfo de Cádiz até a zona norte do Gran Sol, concretamente até o oeste de Escocia. De facto, de levar a efecto esta medida, afectará aos buques que teñen contacto co fondo como son os buques de arrastre e de palangre. Para estes últimos tería un impacto especialmente negativo posto que veranse afectados diminuíndo 75% as súas capturas.

“Estamos a falar dunha decisión que afecta moi negativamente ao conxunto da frota pesqueira do Estado español e, especialmente, para a galega” explica o deputado do BNG. Rego lembra que esta medida foi impulsada pola Comisión Europea de Medio Ambiente, Océanos e Pesca no Marco da Estratexia de Biodiversidade e do Green Deal baixo o argumento de “protexer hábitats sensíbeis”.

Para o deputado do BNG “é indiscutíbel a necesidade de protexer os ecosistemas mariños e as biomasas de peixes” mais “debe acompasarse co impacto socioeconómico en sectores como o pesqueiro”. Esta decisión, segundo sinala Néstor Rego, debe ser adoptada pola unanimidade dos estados membros polo que reclama ao Goberno do Estado que defenda os intereses do sector pesqueiro e vote en contra desta medida.

“Solicitamos a comparecencia no Congreso do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación para que explique a posición actual do Goberno do Estado que manterá nos órganos de decisión da Unión Europea. A decisión está no aire” destaca Rego. Neste sentido, a frente nacionalista entende que, ao ser unha medida de calado, a Comisión Europea debería empregar o diálogo, a información e a transparencia, contando incluso “con informes e estudos serios e rigorosos que detecten as zonas verdadeiramente vulnerábeis e sensíbeis a pechar”.

Diálogo, incide Rego, tamén co sector pesqueiro –por parte da Comisión Europea e o Ministerio do Goberno do Estado- a través de reunións, que aínda non se tiveron, para coñecer a súa posición ao respecto desta medida. “É preciso levar a cabo estudos de impacto socioeconómico nos distintos sectores pesqueiros para coñecer como afectará esta medida e se todas as áreas propostas deben pecharse”  salienta o deputado do BNG.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG