BNG exixe ao Goberno defender o dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental
No 50º aniversario da Marcha Verde, Néstor Rego anuncia o rexistro de iniciativas para que o Goberno do Estado defenda abertamente o mandato da Minurso e o pobo saharauí poida exercer os seus dereitos
O BNG apoia o dereito de autodeterminación do pobo saharauí e denuncia que o Sáhara leva 34 anos agardando a que as Nacións Unidas aplique un plan de paz
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) anuncia o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado para reclamar ao Goberno do Estado que recupere a posición tradicional en defensa do dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental e exixa a Marrocos respectar os Dereitos Humanos do pobo saharauí e ao seu dereito a vivir en paz no seu territorio. Néstor Rego, deputado do BNG, defende a necesidade de cumprir o mandato da Minurso e cumprir a Carta da ONU frente á recente resolución das Nacións Unidas.
No día en que se celebra o 50 aniversario da Marcha Verde, a organización nacionalista avanza o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado para que o Goberno do Estado actúe en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharauí frente á posición colonialista marroquí. Do mesmo xeito, o BNG forzará o debate e votación dos grupos que compoñen o Congreso para exixir ao executivo que defenda abertamente que se cumpra o mandato da Minurso e se organice un referendo de autodeterminación.
Nun contexto onde as posicións marroquís negan o dereito a realizar un referendo e o Consello de Seguranza das Nacións Unidas aprobou a resolución 2792 e volveu a pospor a solución da autodeterminación do pobo saharauí, o deputado nacionalista reclama ao Goberno do Estado recuperar a súa posición tradicional: “o Estado español ten unha responsabilidade histórica e resulta irresponsábel seguir deixando o pobo saharauí abandonado” subliña.
“Mentres a ONU aproba resolucións incoherentes e contraditorias, mesmamente ambiguas, que dan as costas ao Dereito Internacional e favorece as aspiracións colonialistas de Marrocos, os saharauís continúan a padecer detencións arbitrarias, torturas, desafiuzamentos, persecucións e cárcere. É un Sáhara ocupado baixo un réxime de represión por parte de Marrocos nunhas condicións moi duras e insalubres” denuncia o deputado nacionalista.
Para a organización nacionalista, o Goberno do Estado debe defender abertamente que se cumpra o mandato da Minurso e se organice un referendo de autodeterminación. Neste sentido, o deputado nacionalista entende que o executivo debe recuperar a posición tradicional en defensa clara do dereito de autodeterminación do pobo saharauí e exixir a Marrocos a descolonización dos territorios do Sáhara Occidental, dando cumprimento á Carta da ONU.
“A imposición dun plan de autonomía por parte de Marrocos non é solución para a paz e o cumprimento do dereito internacional. O pobo saharauí ten dereito a decidir o seu futuro mediante un referendo e poder vivir como un pobo libre e independente” conclúe Néstor Rego, que incide en que cada resolución “demora a consulta saharauí e favorece a posición do ocupante, Marrocos e os seus intereses”.