BNG exixe ao Goberno actuar para a liberación das tripulantes da Global Sumud Flotilla secuestradas ilegalmente polo Estado sionista de Israel

Carme da Silva

Carme da Silva Méndez condena o ataque de Israel e urxe o Goberno a garantir a protección e seguranza da flotilla humanitaria

Reclama a liberación inmediata de todas as persoas retidas ilegalmente, a ruptura de relación con Israel e que a cúpula sionista sexa levada ante a Corte Penal Internacional

Entre as persoas activistas secuestradas atópanse os galegos Alberte Pagán, Ana Fuentes, Andrea Morales, Duarte Ferrín (Edi), Xurxo Porritt e Benito González

A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, denuncia un novo ataque criminal do Estado sionista de Israel contra a Global Sumud Flotilla, despois de que forzas israelís asaltasen e secuestrasen ilegalmente en augas internacionais ás persoas tripulantes da misión humanitaria que se dirixía cara a Gaza. Entre as persoas activistas secuestradas atópanse seis galegos e galegas integrantes da Galiza-Global Sumud Flotilla, xunto con activistas internacionais comprometidos coa solidariedade co pobo palestino e coa ruptura do bloqueo criminal imposto sobre Gaza.

Carme da Silva Méndez condena con contundencia “o novo secuestro ilegal perpetrado polo Estado sionista de Israel en augas internacionais” e reclama ao Goberno do Estado “actuar con urxencia para garantir a protección e seguranza das persoas integrantes da flotilla, así como a inmediata liberación das tripulantes secuestradas”.

Após intercambiar información coa delegación galega da Global Sumud Flotilla, o BNG tivo coñecemento do novo ataque israelí, que a formación nacionalista cualifica de “novamente ilegal e novamente violento contra unha misión civil, humanitaria e totalmente pacífica”.

Entre as persoas activistas secuestradas, atópanse os galegos Alberte Pagán, Ana Fuentes, Andrea Morales, Duarte Ferrín (Edi), Xurxo Porritt e Benito González. Neste sentido, a senadora do BNG reclama ao Goberno do Estado actuar para a liberación inmediata de todas as persoas secuestradas por israel.

“Nin o silencio nin a pasividade poden seguir sendo a resposta diante dos crimes continuados do Estado de Israel. O Goberno español ten a obriga de actuar de maneira inmediata e firme para garantir a seguridade das persoas secuestradas e denunciar internacionalmente esta nova acción de pirataría” sinala Carme da Silva.

A senadora nacionalista insiste, ademais, que “non abonda con declaracións diplomáticas” e reitera a demanda do BNG de romper relacións co Estado de Israel mentres continúe a ofensiva criminal contra o pobo palestino e os ataques contra misións humanitarias internacionais.

“Israel continúa actuando con absoluta impunidade vulnerando o Dereito Internacional, atacando civís e impedindo a chegada de axuda humanitaria a Gaza. A comunidade internacional e o Goberno do Estado non poden seguir mirando cara a outro lado” afirma a senadora nacionalista.

Neste sentido, Carme da Silva demanda tamén que “a cúpula sionista sexa levada perante a Corte Penal Internacional para responder polos crimes de guerra e crimes contra a humanidade que está cometendo”.

O BNG expresa toda a súa solidariedade coas persoas integrantes da Global Sumud Flotilla e co pobo palestino, ao tempo que reafirma o seu compromiso coa defensa dos Dereitos Humanos, da legalidade internacional e da liberdade do pobo palestino.