BNG exíselle ao PP compromiso e prazos para construír o edificio administrativo de Ourense, pendente desde hai 30 anos

Iago Tabarés
Tabarés denuncia o "cúmulo de enganos" e o desperdicio de cartos tras pagar de máis terreos que non cumpren os requisitos para o proxecto

O portavoz de Presidencia do BNG no Parlamento, Iago Tabarés, exixiulle o Goberno do PP compromiso e prazos concretos para construír o edificio administrativo de Ourense, anunciado hai xa trinta anos polo entón presidente da Xunta, Manuel Fraga, e do que hoxe aínda non se coñece sequera o proxecto.

“É unha tomadura de pelo á veciñanza de Ourense, a única cidade de Galiza na que as dependencias administrativas da Xunta non están concentradas nun único edificio”, advertiu Tabarés nunha pregunta parlamentaria ao director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro Díaz, que na súa resposta refusou comprometer os prazos reclamados polo BNG.

Tabarés esixiu a Barreiro que “deixen de enganar á cidadanía” e acusou o PP na Xunta de “estragar recursos públicos”, referíndose así á compra a finais do ano 2021 dunhas parcelas  no barrio das Lagoas polas que, dixo, se pagou un “sobreprezo” de arredor de dous millóns de euros “cunha tramitación administrativa, cando menos singular”. 

“Mercaron rapidamente a un coñecido promotor uns terreos sen saber realmente o que precisaban, cun uso distinto ao que lle querían dar, con cargas e cun elevado sobreprezo”, denunciou o deputado ourensán. 

Segundo explicou, a Xunta mercou, cando non se fixera nin concurso ideas e sen saber a superficie que se ía necesitar, catro parcelas polas que pagou 8,4 millóns de euros e que, entre outras cuestións, están afectadas por servidumes de paso a outros inmóbeis. Ademais, eses terreos tiñan consideración de solo residencial, polo que “xa era presumible a necesidade de modificar o planeamento urbanístico.

O deputado do BNG criticou o “despropósito” na xestión da Xunta e lamentou que trinta anos despois de ser comprometida a construción do edificio, “a realidade é que o único que temos son promesas incumplidas, sobreprezos pagados, e unha idea”, dixo referíndose ás catro prórrogas que leva xa un proxecto que foi adxudicado no 2023 e que, neste momento, “non é posible”.

“Pode asegurarnos que tras esta cuarta prórroga poderá presentar o proxecto?. Cando está previsto a licitación, a construción e posta en servicio dese novo edifico administrativo?, preguntou Tabarés ao director xeral, sen obter resposta concreta. 

É por iso que, ante a falta de compromiso do PP, o deputado nacionalista propuxo aos responsables da Xunta que “deixen de marear e enganar” e que valoren para os terreos mercados a construción de vivenda pública. “Ou se comprometen con prazos concretos ou deixen o espazo para vivenda pública, recoñezan a súa ineptitude e miren un lugar no que realmente se poida construír o edificio administrativo que Ourense reclama desde hai máis de 30 nos”, concluíu.