BNG esixe á Xunta a substitución das brigadas municipais contra os incendios por persoal propio de Medio Rural

María Albert
María Albert
Albert denuncia os recortes do Goberno do PP na prevención dos lumes e propón unificar este servizo nun corpo único cun volume axeitado para todo o País

O BNG esixe ao Goberno do PP o cese dos recortes no Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDF) e a substitución das brigadas municipais contra os lumes por un corpo único e dependente da Consellería de Medio Rural.

A portavoz de Montes, María González Albert, criticou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA), “un sistema atomizado con múltiples organismos para a prevención e extinción dos lumes” que, ademais, está a ser recortado polo Executivo do PP. Denunciou a situación de “precarización” do Servizo en Período de Alto Risco, con contratos de 3 meses e salarios por debaixo do resto de persoal dos servizos de prevención e extinción, ademais dunha distribución polo territorio en base a criterios “que pouco ou nada teñen que ver cos riscos específicos de cada poboación”, recriminou.

Este servizo prevé actuar entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, datas “nas que é imposible xa facer labores de prevención por ser época de alto risco”, reproboulle González Albert a un Executivo do PP “que se atreve incluso a dicir que a verdadeira época de prevención é de agosto a setembro, algo que é absurdo”, criticou.

A situación actual “para nada é ideal”, recriminou a deputada do BNG, que puxo o foco nas dificultades de numerosos concellos “que non tiveron capacidade para dispoñer desas brigadas até mediados dos mes de agosto, con máis de mes e medio de retraso”, criticou. González Albert advertiu, tamén, da “escasa preparación” que se lle da ao persoal das brigadas pola falta dun protocolo conxunto para formar aos e ás integrantes dun servizo “esencial” para o rural. “este precisa contar cun servizo eficiente que saiba combater uns incendios que non son como os de antes e para os que se require moita máis preparación”, remarcou.

A parlamentaria nacionalista concluíu reclamando ao Goberno dos Populares cumprir a Lei de Emerxencias para a formación axeitada do persoal contra os lumes e a “ampliación e profesionalización” do Servizo de Prevención e Defensa da Consellería de Medio Rural, propostas que foron rexeitadas polo PP.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG