BNG esixe á Xunta que solicite as competencias para a xestión dos funcionarios habilitados nos concellos galegos

Óscar Insua

Óscar Insua preguntoulle ao PP por que rexeita pedir a transferencia de competencias que xa solicitiou Cataluña con resultados inmediatos

Acusa o Goberno galego de estar subsumido ao PP de Madrid. “Centralizan todo en contra dos intereses de Galiza”

O deputado do BNG Oscar Insua existiulle á Xunta de Rueda que solicite as competencias para xestionar as prazas de funcionarios habilitados nos concellos galegos, tal e como xa fixo, con resultados inmediatos, Cataluña. “Por que a Xunta rexeita pedir as competencias?” “Por que esa ansia porque teñan que ser Madrid quen nos dea solucións?”, proclamou engadindo que “centralizan todo en contra dos intereses de Galiza”.

Unha das cuestións polas que preguntaba o BNG era se considera o goberno galego que é incapaz de levar a cabo un proceso selectivo propio para este corpo de funcionarios municipais. “Cremos que hai que ter un pouco de sentidiño e traer as competencias e dar solucións nós desde aquí”, insistiu.

Na súa intervención na Comisión 1ª, Insua lembrou a situación “crítica” que atravesan decenas de concellos de Galiza ante a falta de funcionarios habilitados de carácter estatal —secretarios/as, interventores/as e tesoureiros/as—, imprescindibles para garantir a legalidade, o control económico e a fe pública nas administracións locais. “Son o alicerce e a base de que os concellos poidan funcionar”, incidiu.

Segundo os datos publicados no portal Eidolocal.gal, da propia Xunta, 53 concellos galegos están afectados pola falta de cobertura destas prazas. Dos 563 postos existentes para estes funcionarios nas entidades locais galegas, arredor de 157 sen titular, e deses, 54 postos están sen ocupar por ninguén nas entidades locais.

Advertiu que a situación empeora ao comprobar que a última convocatoria da Administración Xeral do Estado lanzou 1.000 prazas en todo o territorio nacional, pero só 31 corresponden a prazas en Galiza, o que representa menos do 19% das vacantes existentes no País. “Só hai nove titulares máis”, lamentou, engadindo que “temos os concellos paralizados”.

O deputado nacionalista puxo como referencia o caso de Cataluña, que solicitou as competencias nesta materia en febreiro deste mesmo ano e xa en xuño foi quen de publicar a convocatoria dos procesos selectivos correspondentes, o que e demostra que a descentralización destas funcións é posible, eficaz e inmediata.

Sinalou ademais que a única solución que propón a Xunta desde 2017 é a de sacar unha bolsa de persoal interino para cubrir estas vacantes, o que na práctica supón exercer funcións case idénticas ás que correspondería á transferencia de competencias que di non poder asumir por considerala inconstitucional. 

Na súa resposta ao BNG, a responsable da  Xunta limitouse a botarlle a culpa ao Goberno central, ao que Insua respondeu emprazando  o PP a superar este marco de estar subsumidos ao PP de Madrid,  e a deixar de centralizar todo en contra dos intereses de Galiza e freando o avance de calquera aumento de autogoberno.

Suxeriulle que, ao igual que fixeron coas competencias do litoral —a única que o PP pediu en 17 anos— poden pedir as destinadas a xestionar a selección destes funcionarios municipais. “Se alí o fan mal, facémolo nós aquí”.  “Ninguén di que se cambie a estrutura nin as funcións do funcionario, só seleccionar o persoal no proceso selectivo”, aclarou.

O BNG advirte que o carácter provisional desta medida convértese en permanente en moitos casos, e os interinos acaban exercendo as mesmas funcións e nos mesmos termos que calquera funcionario habilitado de carreira. Non considera admisible que a Xunta de Galiza argumente inconstitucionalidade para non solicitar a transferencia de competencias cando de facto está a exercer funcións equivalentes a través da bolsa de interinos dende 2017.