Parlamento Galego

BNG esixe á Xunta que se reúna co Concello e a Anpa do CEIP Nicolás del Río de Cedeira para abordar as súas deficiencias

Mon Fernández
Mon Fernández: "É escandaloso o nivel de impertinencia que a Xunta manifesta nas respostas á ANPA, dicindo que ‘non son quen para opinar’".

O deputado do BNG Mon Fernández denunciou no Parlamento o estado de abandono do CEIP Nicolás del Río en Cedeira e esixiu unha solución inmediata para os seus problemas de infraestruturas e de recursos para a atención á diversidade. O deputado urxíu á Xunta a reunirse co Concello e coa ANPA do centro despois de telos convidado a “ir petar a outra ventanilla”. “Esa é a súa vontade de diálogo?”, preguntou.

Fernández criticou así o “comportamento absolutamente escandaloso” co que a Xunta trata os pais e nais, que levan tempo advertindo da falta de recursos para atender os nenos e nenas con necesidades educativas especiais e que precisan de especialistas en Pedagoxía Terapéutica (PT) e en Audición e Linguaxe (AL). Segundo relatou, o Executivo de Rueda, nunha das súas últimas contestacións, “vénlles dicir que non son quen para opinar sobre as necesidades pedagóxicas dos nenos e nenas do cole”.

“O problema non é o nivel de chulería e pasotismo que habería que tragar se a Xunta tivese razón, pero non a ten, o problema realmente grave e escandaloso é que a Xunta do PP se permita ese nivel de impertinencia cando está incumprindo coas súas obrigas coas persoas con necesidades especiais”, expresou.

Fernández criticou así mesmo que o PP, lonxe de escoitar a opinión “unánime, ben informada e ben comunicada tanto da ANPA como de todo o consello escolar”, recortase aínda máis os recursos, prescindindo de practicamente do 50% dos que había: unha mestra especialista en Pedagoxía Terapéutica do programa PROA+, outra PT que estaba catro días á semana e pasou a cubrir a metade do tempo, unha mestra especialista en Audición e Linguaxe (AL) do programa Acompaña, e unha coidadora e media menos  —había 3—. 

 “Todo isto nun contexto de redución de 60 horas de atención ao alumnado”, engadiu, lembrando que mesmo a memoria do curso 23-24 realizada por profesionais competentes recolle xa carencias como as que agora denuncia a ANPA.  

No que respecta aos problemas de infraestruturas, o deputado sinalou o “deterioro e abandono continuo” deste centro construído en 1972, e que o PP nega ano tras ano a realización das obras necesarias.  Froito deste abandono,—describiu— chove nas aulas, no corredor, no pavillón deportivo, mesmo baixando augo polos focos eléctricos, e existe humidade en moitas estancias do colexio.  “A Xunta  comprometeuse a realizar as obras antes de comezar o curso que está a piques de rematar e por suposto non se realizaron”, recriminou.

A día de hoxe, malia as numerosas partidas económicas destinadas por parte do Concello para a súa conservación, o estado dos edificios, patios e pavillón non fai máis que degradarse. “Hai que ter valor para poñer a pelota no tellado do Concello de Cedeira, que xa leva investidos no centro máis de 150.000 euros”, criticou o deputado da comarca.”

É por iso que, o BNG, na iniciativa, que foi rexeitada cos votos en contra do PP, pedía, ademais de que a Xunta se reúna coa ANPA e co Concello, que se inclúa no orzamento para o ano 2026 unha partida suficiente para resolver todos os problemas do CEIP Nicolás del Río e se aumente de xeito inmediato o número de persoas coidadoras para atender as necesidades do alumnado con diversidade funcional e dependente, así como o persoal de comedor.

 Ademais, o BNG pedía recuperar o proxecto iniciado hai 20 anos de construír un novo centro escolar no Concello. “Ten a Xunta vontade de facer ese novo colexio que se vén reivindicando por todas as forzas políticas de Cedeira desde hai 20 anos?”, preguntou acusando o PP de “poñer a venda antes da ferida” ao escusarse na falta de terreos para facelo.  “Polo de pronto, pronúnciese e, a partir de aí, póñanse en contacto co concello e xa se buscarán os terreos”, emprazou.