BNG esixe á Xunta que promova como accionista de Reganosa un marco de relacións laborais regulado por convenio colectivo
O deputado da comarca de Ferrol Ramón Fernández defendeu no Parlamento unha iniciativa para esixir ao PP na Xunta que promova, como participada de Reganosa, un marco de relacións laborais na empresa regulado por un convenio colectivo e con todas as garantías do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras.
“Non entendemos que unha empresa da importancia de Reganosa, participada pola Xunta e que opera nun mercado regulado, é dicir, retribuída con fondos públicos, poida á altura de 2026 negarse a regular as súas relacións laborais conforme o estipulado no Estatuto dos e das Traballadoras”, expuxo Fernández Alfonzo, que considerou un “escándalo” a permisividade da Xunta que, ademais de ser autoridade laboral, conta co 28,5 % das participación da empresa regasificadora e cinco membros do seu Consello de Administración.
“Encantaríanos ver a esas cinco persoas propoñéndolle ao resto de membros do Consello de Administración de Reganosa facer un convenio colectivo como o que pide o cadro de persoal”, dixo o deputado nacionalista, que acusou o PP de “tratar de parvos” os traballadores e traballadoras consentido que unha participada da Xunta, que tamén é autoridade laboral, evite controis de legalidade nas relacións laborais. “É escandaloso”, afirmou.
Segundo explicou na defensa da súa iniciativa, as condicións laborais das 71 persoas que traballan na planta de Mugardos réxense por un pacto de empresa non estatutario, é dicir, negociado sen as garantías que o propio Estatuto establece para os convenios colectivos en canto control de calidade, rexistro, depósito e publicidade.
Trátase, engadiu, dun “pacto metido nun caixón”, que se agocha á autoridade laboral, e que agora, tras finalizar a súa vixencia, o comité de empresa quere renegociar para acabar con “esa vergoña”, mellorando o seu contido e dándolle “carta de legalidade” e forma de convenio colectivo estatutario. Porén, engadiu, Reganosa “non quere nin oír falar do asunto” e xa comezou a “tomar represalias”, baixando retribucións do cadro de persoal e retirándolles “certos complementos que viñan cobrando”.
Un “pacto metido no caixón”, afondou o deputado ferrolán, “non é o marco máis seguro para regular as condicións de traballo, limita a posibilidade de que a inspección de traballo controle a correcta aplicación e non garante “unha serie de asuntos que o Estatuto establece como contido mínimo dos convenios”, dixo en alusión á prevención de riscos laborais, igualdade ou mobilidade.
Tras escoitar os argumentos do PP en contra da iniciativa do BNG, Fernández Alfonzo finalizou a súa intervención lembrándolle aos seus deputados que a proposta votada recolle o que reclama unanimemente o comité de empresa e que apoia tamén o Consello de Mugardos que, “por certo, ten alcalde do PP”.