BNG esixe á Xunta que condicione a nova hidroeléctrica de Xeal no río Xallas ao mantemento da actividade e o emprego

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez empraza ao Goberno galego a facer valer as cláusulas concesionais nun proxecto que engorda a produción enerxética da firma

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que condicione a construción dunha nova central hidroeléctrica no encoro de Santa Uxía, no río Xallas, solicitada por Xeal ao mantemento da actividade produtiva e do emprego nas fábricas de ferroaliaxes que a compañía ten en Cee e Dumbría.

“Coa solicitude por parte da empresa de poñer en marcha ese proxecto para a construción dunha central de caudal ecolóxico xérase unha nova oportunidade para que o Goberno galego aposte pola defensa do emprego e da actividade produtiva e por facer valer as cláusulas de vinculación de actividades”, emprazou o deputado nacionalista Daniel Pérez, quen nunha pregunta parlamentaria repasou os antecedentes recentes de Xeal, cuxa dirección, segundo insistiu, “está a realizar unha segregación encuberta das súas actividades”, potenciando o aproveitamento enerxético en detrimento da actividade produtiva de ferroaliaxes, co conseguinte “adelgazamento” do cadro de persoal.

Logo de advertir que a compañía xa prescindiu de máis de 110 empregos dende 2019, consecuencia da clara diminución da súa actividade produtiva e da súa “aposta descarada polo lucrativo negocio enerxético”. “Son vostedes os únicos que non queren ver que se está desmantelando a actividade produtiva e destruíndo emprego a pasos axigantados nas fábricas de Cee e Dumbría”, cuestionou á directora de Augas de Galiza, a quen tamén preguntou por cal era o nivel de emprego que ten que manter Xeal para que a Xunta entenda como cumpridas as cláusulas concesionais que vinculan a concesión de centrais hidroeléctricas ao mantemento da actividade produtiva e dos postos de traballo nas factorías.

“Porque se seguimos así, poderíase seguir adelgazando a produción de ferroaliaxes e o cadro de persoal ata o infinito, ata que só queden dúas persoas -censurou- mentres a empresa segue beneficiándose e lucrándose da venda e comercialización da enerxía producida en virtude da concesión das centrais hidroeléctricas”. Ao seu xuízo, “dá a sensación” de que, unha vez concedidos os dereitos concesionais, estes son para o Executivo do PP “incondicionais”, agás que caduquen ou a empresa entre en quebra. “Pero se ningunha destas dúas cousas acontece, a empresa poderá seguir aproveitándose deses dereitos concesionais mentres se seguen destruíndo emprego na Costa da Morte”, recriminou.

Pérez tamén reprochou á directora de Augas “o flaco favor” que lle fai a Xunta ao mantemento da actividade produtiva e o emprego en Xeal se non lle dá a consideración de nova central hidroeléctrica ao novo proxecto da compañía, “cando estamos falando dun proxecto que vai supoñer a instalación de dúas turbinas no encoro de Santa Uxía para aproveitar o caudal, para xerar enerxía dunha maneira continuada e que vai permitir a Xeal multiplicar exponencialmente a súa produción enerxética”.

O deputado do BNG concluíu que “a posición da Xunta sería totalmente incomprensible se lle pon unha alfombra vermella á empresa para que conte cunha nova central hidroeléctrica e seguir así lucrándose do negocio enerxético se ao mesmo tempo non lle esixe o mantemento do emprego e da actividade produtiva”.      


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG