BNG esixe á Xunta un plan extraordinario de restauración total para reparar os montes tras os incendios de 2025

Montse Valcárcel
Montse Valcárcel denuncia que só se restauraron 6.300 das 119.000 hectáreas queimadas e esixe transparencia, planificación e orzamento

A portavoz de Montes do BNG no Parlamento, Montse Valcárcel esixiulle á Xunta un plan extraordinario de restauración para recuperar os montes tralos incendios máis devastadores da historia de Galiza. Segundo os datos da Xunta, afectaron a case 119.000 hectáreas, que quedan curtas se se comparan cos datos da plataforma europea Copernicus, que cifra en 125.000 a superficie queimada. En todos caso, a deputada denuncia que só se restauraron 6.300 hectáreas do total afectado.

“O problema non remata cando se apaga o lume”, afirmou dirixíndose ás bancadas populares. “Comeza outro moito máis silencioso: a erosión, a perda de solo, os arrastres, os danos nos ríos, nas captacións de auga e no rural”, explicou, polo que a restauración non é unha cuestión “accesoria” nin un “adorno”, senón que é unha “obriga pública”. “Se non actuamos, o lume segue facendo dano moito despois de apagalo, advertiu”.

Tamén criticou que arranxar pistas non é o mesmo que restaurar o territorio, referíndose aos arredor de 100 quilómetros de camiños sobre as que actuou a Xunta de Rueda. Para Valcárcel, isto non é unha restauración, senón que se trata dunha “resposta parcial e moi pequena para a magnitude do problema”, puntualizou.

Outro acordo parlamentario sen cumprir

Valcárcel lembrou o acordo acadado en 2024 na Comisión 7ª para actuar despois dos incendios e que o que falta é “diagnóstico e compromiso” por parte do PP.  “Había mandato político, había respaldo parlamentario. O que faltou e segue faltando é o cumprimento, a planificación e a execución suficiente, recalcou.

A iniciativa do BNG reclamáballe á Xunta algo “moi razoable”: que planifique sobre a superficie total afectada polos incendios de 2025, non só sobre parte dela; que avalíe de forma integral as zonas con maior risco de erosión e arrastres e que publique un informe desagregado por concellos, parroquias e distritos forestais con información sobre o estado de cada zona. “Porque non todas as superficies queimadas teñen a mesma prioridade. Hai que actuar primeiro onde o risco é maior”, xustificou.

Tamén demanda un plan extraordinario con calendario e dotación económica suficiente. “Porque restaurar non se fai con anuncios, faise cun orzamento, con planificación e continuidade”, aclarou. “Non vale agocharse en debates competenciais”, manifestou a deputada nacionalista, lembrándolle á Xunta que o Estado pode apoiar as actuacións máis urxentes pero que o Goberno galego non pode substituír a súa responsabilidade.  “O que toca é actuar, planificar e cumprir”.

Na súa quenda de réplica espetoulle ao PP que “hai que ter valor para poñer como referencia Galiza como exemplo de restauración ecolóxica”.  Tamén lle insistiu en que o que o BNG propón na iniciativa “non é nada revolucionario”, senón que se trata de algo “técnico, planificar toda a superficie afectada, non a que lle resulta máis cómoda” á Xunta, incidiu.

A deputada nacionalista rematou a súa intervención amosando unha fotografía da Rúa tralas treboadas do mes de abril na que se vía lama baixando polas rúas da vila como mostra do que supoñen a erosión, arrastres e afección ás aldeas.

Emprazou por último aos grupos parlamentarios a posicionarse no debate: “Ou se está co territorio ou se está co relato. Nós apostamos pola restauración total”. Malia todo, o PP votou en contra da iniciativa.