BNG esixe á Xunta medidas urxentes para garantir a seguridade e dignidade laboral das traballadoras do SAF
Olalla Rodil: ”O asasinato de Teresa de Jesús no Porriño puxo de manifesto do xeito máis duro e cruel a indefensión e precariedade na que traballan”
Afea que o PP votase en contra dos protocolos de prevención en caso de agresión, violencia machista ou discriminación que pedía o BNG xa en 2020
A portavoz de Política Social do BNG, Olalla Rodil reclamou a posta en marcha inmediata de cambios normativos e medidas concretas que garantan a seguridade, os dereitos laborais e a dignidade profesional das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Na súa intervención na Comisión 5ª, Rodil lembrou o asasinato o pasado 29 de xullo de Teresa de Jesús, traballadora do SAF no Concello do Porriño, mentres desempeñaba o seu labor nun domicilio e despois de que puxese en coñecemento do concello e da empresa que estaba sendo vítima de acoso no domicilio. “Teresa denunciou e non se activou ningún mecanismo de protección porque non existen”, lamentou, criticando que “o único que vimos facer á conselleira de Política Social despois do asasinato de Teresa foi pedirlles ás traballadoras que denunciasen porque -citou literalmente- “é a única maneira de protexelas”.
“Faltan ferramentas e protocolos de intervención”, indicou, a pesar de que tanto o BNG como as propias traballadoras veñen reclamando desde hai anos protocolos de prevención e actuación fronte a casos de violencia ou acoso.
Rodil afirmou que “este crime puxo de manifesto, da maneira máis dura e cruel, a indefensión e precariedade e a soidade na que traballan as auxiliares do SAF”, lembrando que xa en 2020 o BNG presentara unha proposición non de lei para impulsar protocolos de prevención e en casos de agresión nun domicilio, violencia machista ou discriminación, así como habilitar medidas de suspensión do servizo en casos de agresión, violencia machista ou discriminación, que foi rexeitada polo Partido Popular.
A portavoz de Política Social do BNG puxo o foco nas condicións laborais que soporta o sector, cun convenio colectivo caducado desde 2012, salarios que raramente superan os 1.200 euros mensuais, desprazamentos en vehículos propios e traballo en soidade en domicilios particulares, ademais dunha total ausencia de medidas efectivas de prevención e protección fronte a riscos tanto físicos como emocionais.
Rodil incidiu en que a Xunta, como administración con competencia exclusiva en materia de servizos sociais (art. 27.23º do Estatuto de Autonomía), é a máxima responsábel de garantir a seguridade e calidade do SAF. “Non se trata de palabras baleiras nin de declaracións de intencións, senón de medidas concretas que garantan a vida e os dereitos das traballadoras”, expuxo.
O BNG denuncia ademais o insuficiente financiamento do servizo, xa que prestar unha hora de SAF custa de media 23 euros, mentres que Xunta e Estado apenas achegan 12 (o BNG pide 20 euros a hora). Diñeiro que, segundo indicou, “nin sequera cubre o persoal de administración e traballo social, indispensables para levar a acabo os necesarios labores de seguimento, control e coordinación, estreitamente ligadas coa prevención de riscos laborais”. Denuncia que os concellos están a asumir un servizo vinculado á dependencia sen os recursos necesarios, o que “compromete tanto a calidade da atención ás persoas usuarias como a seguridade das profesionais”, advertiu a deputada.
Finalmente, Rodil, ante o director xeral de Mariores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, reclamou á consellería de Política Social “unha reacción á altura da gravidade dos feitos. “O asasinato de Teresa foi un golpe durísimo, unha labazada que debe facernos reaccionar como sociedade e que fai inaprazable o impulso de cambios normativos que garantan unhas condicións laborais dignas e seguras no SAF”, concluiu.