BNG esixe á UE garantías para protexer os empregos da automoción na Galiza e evitar a deslocalización

Ana Miranda

Ana Miranda defende no pleno do Parlamento Europeo “plans industriais que non sexan un cheque en branco para que as empresas automobilísticas acaben deslocalizando e destruíndo emprego”.

A eurodeputada do BNG reclama ao vicepresidente  da Comisión Europea, Responsable de Industria, Stéphane Sejourné, medidas para acabar coa competencia desleal

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu no Pleno do Parlamento Europeo “plans industriais que apoien empregos dignos e de calidade, sen cheques en branco para as empresas de automoción ou axudas públicas que se utilizan ao final para deslocalizar empresas e destruír postos de traballo”. Miranda fixo estas afirmacións no marco dun debate na sesión plenaria de Estrasburgo sobre medidas urxentes para o sector de automoción, co obxectivo de mellorar a súa competitividade e protexer os miles de postos de traballo directos e indirectos no continente.

Non á competencia desleal

A industria do automóbil galega e europea afronta o desafío da competencia de marcas estranxeiras, receptoras de grandes subvencións estatais como  é o caso das de China. Neste sentido Miranda demandoulle igualdade ao vicepresidente da Comisión Europea Stéphane Sejourné, porque “non pode ser que se lle dea o mesmo tratamento aos vehículos fabricados en Europa que aos fabricados fora, sobre todo se hai unha manifesta competencia desleal. Europa ten que actuar e adoptar medidas para protexer ao noso sector como sempre defendemos no BNG”.

Un sector estratéxico en Vigo

O sector da automoción “é un sector estratéxico para Vigo e para Galiza e non pode estar sometido a constantes ameazas sobre a súa viabilidade e a constante precarización”, afirmou Ana Miranda. Un sector industrial que xera na Galiza preto de 24.000 empregos directos, que ascenden ao dobre sumando a industria auxiliar. Un sector que factura 13.300 millóns de euros, o 15,5% do PIB galego e que aporta un grande valor engadido á economía galega con exportacións de 9.125 millóns de euros e investimentos en I+D+i superiores aos cen millóns de euros anuais.

Unha transición medioambiental que debe ser xusta no eido social

A eurodeputada do BNG sinalou que “ transición medioambiental e a descabornización no sector da automoción debe ser xusta tamén no eido social e económico. Debe ser xusta coas persoas traballadoras e coas economías locais, contando con plans propios como reclama o BNG para a industria da Galiza”. Neste sentido, preguntou ao vicepresidente da Comisión se as axudas “serán só para as multinacionais da automoción ou  se van estar ligadas á creación de emprego de calidade”. Para o BNG é fundamental que todo plan industrial ou as axudas públicas vaian indefectibelmente unidas ao mantemento dos postos de traballo e á prohibición de deslocalizar as empresas.

Para Miranda non hai transición verde se non hai transición xusta no social e no económico. Os coches eléctricos ou híbridos non poden ser un artigo de luxo para clases sociais con poder adquisitivo, debe ser accesíbel ás maiorías sociais e ás clases traballadoras, do contrario estamos a falar  de transicións verdes elitistas.