BNG esixe a Sanidade que cumpra con Ourense por unha vez e presente unha alternativa ao fracasado proxecto do CIS

Noa Presas
Presas simboliza nun folio en branco todo o que o PP prometeu e non fixo en infraestruturas sanitarias: “Planificaron mal e xestionaron peor”

A deputada por Ourense do BNG Noa Presas reclamou ao Goberno de Rueda que, por unha vez, cumpra con Ourense e presente unha “saída alternativa” e un novo emprazamento ao fracasado proxecto para pór en marcha o Centro Integral de Saúde (CIS) comprometido hai xa seis anos onde hoxe está o Nóvoa Santos.  

Nunha interpelación, Presas emprazou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a “rectificar” e a recoñecer que “planificaron mal e xestionaron peor” cun proxecto que “enfadou a todo o mundo”, tanto a veciños como a profesionais da atención primaria e hospitalaria. Tampouco convenceu a proposta de traslado e reorganización de servizos feita hai un ano e que tivo que ser retirada, argumentou.  

“Sabían que reformar un edificio estreito que non pode medrar ao ancho era un problema, e seguiron prometéndoo, sabían que o proxecto tiña reparos técnicos e seguiron prometéndoo, xa sabían que estaba xudicializado desde 2024 e seguiron prometéndoo”, subliñou.

Presas reprobou ao conselleiro que agora paralicen o proxecto e “calen a boca  para ver se ninguén di nada”, cando o que debería facer —dixo— é aclarar se “van rectificar, pedir perdón e facer unha proposta alternativa ou, pola contra, van seguir tomándonos o pelo”. 

A deputada criticou, neste punto, a ladaíña de promesas incumpridas do Goberno do PP e salientou que mentres Ourense, seis anos despois, segue sen CIS, xa están en funcionamento o Olimpia de Vigo, o de Lalín ou o de Lugo. Todos eles teñen xa unha foto que amosar, pero a de Ourense é só a imaxe dunha maqueta ou un “folio en branco que resume as promesas de sanidade do PP de Ourense”, afondou. 

“Non temos CIS, non temos novo edificio de hospitalización, non temos un só centro de saúde novo de atención primaria”, engadiu a deputada nacionalista, que na quenda de réplica criticou que o conselleiro presumise da súa “carta de servizos” cando en 17 anos de goberno do PP na Xunta tan só se construíu na cidade o centro de saúde do Couto, “que cando abriu xa chovía dentro e naceu pequeno”.  

Instouno así a “revisar a cola de centros de saúde que teñen que modernizar ou construír”, entre eles o CIS que, segundo lle lembrou ao conselleiro,  aínda segue pendente “do que digan nos xulgados” . “Saben perfectamente que a proposta de emprazamento non é a adecuada”, díxolle para, a continuación, emprazalo a “escoitar aos profesionais, á veciñanza e aos colectivos de pacientes para buscar unha alternativa”. 

“Paren de eludir a súas responsabilidades, de facernos promesas de novas construcións que nunca van chegar e fagan o seu traballo. Ourense merece non máis que ninguén no resto do país pero si, cando menos, as mesmas infraestruturas que teñen outros puntos”, concluíu.