parlamento galego

BNG esixe a Rueda que acepte en Galiza a mesma auditoría que o PP pide sobre os contratos da pandemia noutras CCAA

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil censura o “escurantismo” do Goberno do PP e non descarta reclamar unha comisión de investigación sobre as adxudicacións a dedo

A deputada nacionalista dubida que a macrocelulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei poida ser financiada con fondos europeos

A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, emprazou este luns ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a aceptar en Galiza a mesma auditoría externa que o PP reclama sobre os contratos da pandemia noutras comunidades autónomas. “O que o BNG pide é luz e taquígrafos e unha auditoría de todos os procesos de contratación pública, a comezar polos contratos que pola vía de urxencia se outorgaron na pandemia; queremos que o PP faga en Galiza o que pide que os demais fagan noutras comunidades autónomas”, asegurou.

O BNG volverá reclamar oficialmente nesta lexislatura á Xunta esa auditoría e que remita ao Parlamento toda a información referente á adxudicación de contratos menores feitos durante a pandemia da covid, lembrou Rodil, que anticipou que o Bloque non descarta pedir unha comisión de investigación no Parlamento se o PP non acepta en Galiza a auditoría externa que demanda o BNG e que o propio Partido Popular reclama noutras comunidades.

Rodil advertiu das “sombras” que existen respecto “dalgunhas decisións que os populares tomaron en materia de contratación pública nos últimos anos”, lembrando neste sentido que entre os anos 2018 e 2023 o Goberno do PP adxudicou en torno a 4.000 millóns de euros a dedo, con contratos menores que non foron sometidos a concurso público. Destacou, ademais, os 1.311 contratos adxudicados a Eulen, a empresa que dirixe en Galiza a irmá do ex presidente da Xunta e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo.

A deputada nacionalista criticou o “escurantismo” que rodea á xestión do PP na Xunta e, neste sentido, tachou de “sorprendente” que nin sequera as cifras do informe do Consello de Contas sobre algúns contratos da pandemia se correspondan coas que a aparecen na documentación analizada polo BNG, como ocorre coas adxudicacións feitas a Universal Support, do grupo Konecta, encargada dos traballos de rastrexo da covid e vinculada ao irmán da parella de Feijóo. Neste caso, fixéronse adxudicacións por máis de 15,5 millóns de euros, aínda que no informe de Contas só aparecen 11,7.

Sobre Altri: “Que non nos tomen por parvas”

Rodil fixo estas declaracións nunha rolda de prensa na que, en resposta aos xornalistas, amosou serias dúbidas sobre a posibilidade de que o proxecto de Altri en Palas de Rei poida financiarse con cargo a proxectos europeos e a fondos Next Generation como pretende a empresa.

“Teño moitas dúbidas de que poida financiarse con cargo a estes fondos un proxecto destas características que é unha auténtica bomba ambiental e que nada ten que ver coa economía circular, nin moito menos co peche de ciclos produtivos ligados á madeira no noso País”, explicou.

En todo caso, a deputada nacionalista mostrouse partidaria de que os 250 millóns de euros dos que se está a falar para financiar “un proxecto de ampliación dunha empresa portuguesa”, deberían ir “para outras empresas que levan moito tempo esperando por un apoio público” para poder desenvolver os seus proxectos industriais ligados ao territorio,” como temos na comarca da Ulloa”, e que son “moi respectuosos co medio no que se instalan e que xeran moita riqueza e moitos postos de traballo no noso País”.  

Unha troita de río galego en augas do Caribe?

Tamén a preguntas dos xornalistas, Rodil reclamou aos directivos de Altri que actúen “con seriedade” e que “non se tome á veciñanza por parva”, porque “intentar facernos crer que unha auga que despois de pasar todo un proceso industrial altamente químico vai saír mellor que a que captaron no río ou no encoro de Portodemouros, creo que é tomarnos a todos por parvos”.  

Neste sentido, advertiu que a propia empresa recoñece que se van incrementar a temperatura da auga: “eu non sei se unha troita dos ríos galegos pode vivir nunha temperatura como se estivese no Caribe, eu creo que non”, ironizou.

“O que se lle pide á xente é que sexa seria e que sexa responsable coa información que conteñen os propios documentos que a empresa presentou para exposición pública”, concluíu.

A macrocelulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei será un dos temas prioritarios para o BNG no arranque desta lexislatura no Parlamento, na que o BNG “vai aproveitar a forza que nos deron os galegos e as galegas para defender unha Galiza produtiva, implicada na loita contra o cambio climático, na defensa da igualdade e da xustiza social, que coloque a riqueza do País ao servizo do País”, explicou Olalla Rodil.  

Distribución das áreas no grupo parlamentario

A viceportavoz nacionalista deu conta, por outra banda, da distribución do traballo do BNG no Parlamento en oito grandes áreas, correspondentes ás comisións lexislativas “para facer un seguimento polo miúdo da acción do Goberno da Xunta”.

Iago Tabarés, Óscar Insua, Iria Taibo, Iago Suárez e Cristina Fernández encargaranse da área de Institucional, Administración Pública, Xustiza e Política Interior.

Luís Bará, Alexandra Fernández, Paulo Ríos, Montse Valcárcel e Sonia Vidal representarán ao BNG na Comisión de Ordenación do Territorio, Obras Públicas, Transporte e Medio Ambiente.

Na de Economía, que presidirá como na anterior lexislatura Noa Presas, estarán tamén Ramón Fernández Alfonzo, Óscar Ínsua, Brais Ruanova e Rosana Pérez.

En canto á de Educación, formarán parte da mesma Mercedes Queixas, Cristina Fernández , Iria Taibo, Daniel Castro e Secundino Fernández.

Montse Prado, Olalla Rodil, Iria Carreira, Iago Suárez -que será responsable de mocidade- e Ariadna Fernández serán os deputados do BNG na Comisión de Sanidade e Servizo Socias.

Na de Industria, Enerxía e Turismo estarán Xosé Manuel Golpe, Brais Ruanova, Carmela González, Ramón Fernández Alfonzo e Daniel Pérez.

Respecto da Comisión de Medio Rural, formarán parte Secundino, Sonia Vidal, Montse Valcárcel, Ariadna Fernández e Luís Bará.

Finalmente, estarán na de Pesca Rosana Pérez, Carmela González, Daniel Castro, Daniel Pérez e Oscar Ínsua.

O reparto por áreas no grupo do BNG complétase coa distribución  territorial por comarcas, “de maneira que cada deputada e deputado será referencia no seu territorio para trasladar ao Parlamento os problemas e as preocupacións da xente”, subliñou Olalla Rodil, que avanzou un “traballo moi pegado ao territorio” nesta lexislatura, que o BNG encara cun grupo ampliado de 25 deputados “que van dar o mellor de si para facer unha oposición firme e construtiva, como corresponde á forza política que lidera a oposición e aspira a gobernar o País”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG