Parlamento Galego

BNG esixe responsabilidades políticas a Rueda pola súa xestión “absolutamente neglixente” na vaga de lumes

Olalla Rodil

Rodil: “Un presidente digno de tal nome o primeiro que faría o vindeiro martes sería presentar a súa dimisión. Quédalle moi grande o cargo”

“Galiza merece moito máis que o uso político partidista e carroñeiro que o PP quixo facer no medio dos peores incendios da nosa historia”

A situación das traballadoras do SAF e a quita da débeda centrarán tamén os asuntos que o BNG levará ao primeiro pleno do novo curso político

O BNG centrará o primeiro pleno do novo curso político nos incendios forestais que asolagaron Galiza este verán e esixirá responsabilidades políticas ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola súa xestión “absolutamente neglixente”, que converteu a vaga de lumes nunha “auténtica catástrofe ambiental, social e económica”, despois de que ardesen máis de 162 mil hectáreas, segundo os datos ofrecidos polo satélite europeo Copérnicus e que a Xunta reduciu a 111 mil.

A viceportavoz 1ª do BNG, Olalla Rodil manifestou na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces que “un presidente digno de tal nome" o primeiro que faría o próximo martes no Pleno é "presentar a súa dimisión" porque "é evidente que a Rueda quédalle moi grande o cargo –máis aínda o País- e non estivo durante esta catástrofe nin está hoxe á altura das galegas e dos galegos”.

Neste punto, a deputada nacionalista quixo denunciar as “maniobras políticas” do PP na Xunta de Portavoces, ao “anular” a sesión de control ao presidente, pasando as preguntas ao martes, xusto despois da comparecencia de Rueda para abordar a xestión da vaga de incendios, en lugar de o mércores, como vén sendo habitual.  “Ademais de ser a mellor mostra dun goberno débil, dun presidente que intenta escapar do control parlamentario nesta Cámara, tamén demostra as prácticas do Partido Popular, a concepción que ten da democracia e do parlamentarismo e dos consensos políticos e institucionais que veñen operando desde hai máis de 40 anos neste Parlamento”, afirmou.

 Rodil asegurou que “estas cousas non pasan porque si” -en referencia ás 162 mil hectáreas ardidas este verán en Galiza-  “Existe unha responsabilidade política clara nesta catástrofe”, e emprazou ao presidente da Xunta a “asumir a súa responsabilidade en primeira persoa e a do seu goberno” porque “fallou estrepitosamente”.

Recalcou que detrás desas máis de 162 mil hectáreas ardidas están os 11 millóns de euros  que o goberno de Rueda deixou sen executar en 2025 para actuacións clave en materia de prevención, incluídas franxas de protección en zonas de alto risco.

“Detrás desas máis de 162 mil has está  un goberno de Rueda que fallou na xestión da crise, chegando tarde, con operativos incompletos, motobombas paralizadas por falta de persoal, con prazas sen cubrir e ordes contraditorias”, acusou.

Criticou ademais que, detrás desa superficie queimada, está un goberno do PP e de Rueda que “ocultou datos”, como o incendio de Pena Trevinca, do que, -recriminou- a Xunta non informou durante días”, e que “ continúa aínda hoxe minimizando a superficie afectada respecto do que indican os satélites”.

Rodil lembrou as declaracións do presidente da Xunta, onte mesmo, nas que afirmaba que a maior parte do que ardera eran pedras e matogueiras. “Un insulto á intelixencia colectiva deste País" e especialmente "aos milleiros de persoas desaloxadas das súas casas; ás persoas ás que o lume lles levou por diante as súas vivendas, ás centos de gandeiras e gandeiros ás que lles arderon as explotacións".

A viceportavoz 1ª do BNG tamén lles atribuíu responsabilidades nesta xestión da crise dos lumes ás “dúas máximas responsables do que aconteceu este verán en Galiza”: a conselleira do Medio Rural, María José Gómez e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a quen lle afeou que, mentres ardían espazos naturais protexidos de altísimo valor ecolóxico  -como a Enciña da Lastra, Trevinca, o teixadal de Casaio ou o Courel- a conselleira “estea desaparecida e o día que lle acorda volver sexa para anunciar axudas aos Tecores de caza. É indignante”, expresou.

Cambio de rumbo

O BNG ten claro que o acontecido este mes de agosto ten que marcar un punto de inflexión e que, tal e como manifestou Rodil, “non pode ventilarse isto coa choiva, o verdadeiro servizo de extición deste País”, puntualizou.  “O acontecido ten que supoñer un cambio de rumbo nas políticas de prevención, de ordenación do territorio e forestais”.

Lembrou así o Plan de actuación ‘Da cinza á vida’ que este luns presentou o Bloque, con máis de 50 medidas destinadas a evitar que se repitan as vagas de incendios e a darlle futuro ao rural. Medidas tamén para axudar as persoas afectadas, para recuperar o territorio e sobre todo para impulsar un novo modelo de monte multifuncional, unha prevención estrutural e eficaz e a revitalización do medio rural . Trátase dunha proposta que sirva de base para un gran acordo de País a favor dun novo modelo forestal e de medidas efectivas para protexer Galiza ante os lumes.

Parafraseando a portavoz nacional, Rodil reiterou que “Galiza merece moito máis que o uso político partidista e carroñeiro que o PP quixo facer no medio dos peores incendios da nosa historia”.

A situación das traballadoras do SAF e a quita de débeda

Olalla Rodil anunciou ademais que o BNG levará a pleno a situación das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, despois de que o pasado 29 de xullo fose asasinada unha muller que estaba realizando a súa tarefa nun domicilio en Porriño. “A día de hoxe o goberno do PP non adoptou ningunha soa medida para garantir a protección das traballadoras, nin para mellorar as súas condicións laborais, nin para blindar o Servizo de Atención a Dependencia e, concretamente, o SAF”. Neste sentido, o Bloque defenderá unha proposición non de lei con cinco medidas para poñer en marcha actuacións concretas que blinden o SAF e que melloren as condicións laborais das súas traballadoras.

Ademais, e despois de que hoxe o Consello de Ministros empecezase a dar de luz verde e aprobar a condonación da débeda, o BNG pedirá que o Goberno da Xunta defenda os intereses dos e das galegas e acepte esa quita da débeda que negociou o Bloque en Madrid.

“Imos defender que o goberno da Xunta de Galiza defenda os intereses das Galegas e dos galegos en contra do interese partidista do PP e que acepte esa condonación para permitir que este País poida dispoñer deses 4.000 millóns de euros que terían que destinarse ao pagamento dos xuros e da débeda e que deberían poñerse a disposición  das persoas que o perderon absolutamente todo este mes de agosto na provincia de Ourense, onde ardeu o 10% do seu territorio”, manifestou.

“É desolador e fai falta arremangarse e poñer todos os recursos e máis para sacar este País adiante e, sobre todo, para que non volva a acontecer un verán máis o que parece que é unha praga bíblica e non o é. Hai unha responsabilidade política clara detrás desas catástrofes ambientais, ecolóxicas e sociais que son os incendios”, rematou.