BNG esixe o PP que pare o macroproxecto de betume en Vilagarcía e non siga a estela de Altri contra a ría de Arousa

Montse Prado

Montse Prado reclámalle á xunta de Rueda deixar de poñerlle a alfombra vermella a unha empresa que pon en risco a pesca e o marisqueo na zona

Asegura que a promotora segrega fraudulentamente as dúas zona do complexo para eludir a avaliación de impacto ambiental ordinaria

A deputada Montse Prado esixiulle ao PP que “desista da estela que deixou o proxecto de Altri” e free a instalación no porto de Vilagarcía dunha nova terminal de almacenamento de betume. O proxecto, promovido pola empresa Betumes Gallegos SLU, recibiu este mes un informe favorable de impacto ambiental  que a xuízo do BNG segue sendo imparcial e non completa e integral, polo que demandan á Xunta de Rueda que rectifique e desbote a declaración de Proxecto de Interese ambiental Estratéxico (PIE).

“O que non queremos é ter o betume na Ría de Arousa”, manifestou, recriminándolle á Xunta de Rueda que considere estratéxico este proxecto pero non a produtividade da ría.

Na súa intervención na Comisión de Pesca, Prado emprazou o Goberno galego a deixar de poñerlle a “alfombra vermella” á promotora do proxecto por poñer en risco “grave e inasumible”  a pesca, o marisqueo e a miticultura na ría de Arousa, ao situarse nun dos ecosistemas mariños máis valiosos de Galiza, tanto polo seu valor ecolóxico como pola súa importancia económica. 

“Se estaban as alarmas acendidas, vemos como o PP non escoita todas as voces que consideran que ese proxecto é unha ameaza”, expuxo, respondéndolle ao PP, que negaba a existencia de alegacións, que Na súa réplica respondeulle ao PP, que negou que houbese alegacións, que si houbo 24 que pedían, ao igual que  o BNG, “honestidade co sector do mar e poñerse do seu lado”. “Non se pode retorcer a legalidade, que é o que se está facendo”, recalcou.

Lembrou así mesmo que o pasado 14 de xuño a ría de Arousa volveu ser “un clamor “en defensa do seu valor ambiental, ecolóxico e como ecosistema económico porque as decisións que leva tomado o PP desde a Xunta “dun xeito sistemático manteñen a dirección de desprotexela” e polo tanto de poñer en risco  o medio de vida de miles de persoas. “Volve actuar do mesmo xeito que coa mina de Touro-O Pino e coa celulosa de Altri, minimizando, negando os riscos e poñéndose do lado da empresa”, recalcou.

Prado lembrou que o proxecto ocupará dúas zonas, almacenando na zona 1 arredor de 250 m3 de betume e aceite térmico e 50.000 na zona 2. Malia o enorme volume de material potencialmente perigoso que ten previsto albergar esta planta, Montse Prado denunciou que a empresa promotora está a segregar fraudulentamente as dúas zonas do complexo para eludir a avaliación de impacto ambiental ordinaria. 

Mentres a Zona 1 só se somete a un trámite simplificado, as obras da Zona 2 nin sequera son obxecto de avaliación, a pesar de que ambas funcionarán de xeito coordinado e en sinerxía. É por iso, que na iniciativa se demandaba a que a avaliación ambiental fose realizada de xeito completo e para o conxunto do proxecto, atendendo así ao volume total de materias que circularán pola ría e por terra.

Riscos para a saúde e o ecosistema

Segundo indicou Prado, o 90% do transporte do betume realizarase por mar, atravesando a ría de Arousa desde a boca até o porto de Vilagarcía, co conseguinte risco de vertidos. Ademais, o material almacenado contén hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP), substancias altamente volátiles que representan un perigo para a saúde das persoas traballadoras do porto, a poboación próxima, e para a flora e fauna da ría. O estudo do promotor non inclúe nin o número de buques previstos nin un plan de emerxencia para accidentes.

O BNG considera que o estudo de alternativas de localización presentado polo promotor é enganoso, ao comparar Vilagarcía co porto de Huelva —a 472 millas náuticas— obviando deliberadamente opcións viábeis e de moito menor impacto dentro de Galiza, como os portos exteriores da Coruña (Punta Langosteira, a 49 mn) ou Ferrol (a 70 mn).

Por tal motivo, a proposición non de lei defendida por Montse Prado instaba ademais ao Executivo de Rueda a buscar emprazamentos fóra da ría de Arousa compatíbeis coa protección ambiental, a capacidade produtiva e a saúde das persoas.

Na súa quenda de réplica, a deputada nacionalista avanzoulles tanto a PP como a PSOE, que non apoiaron a iniciativa, que lle trasladará ao sector que “con amigos e aliados como vostedes, quen necesita inimigos”,  e engadiu que, se consideraban necesario o proxecto, tal e como indicaron na Comisión 7ª, “o valente e honesto é trasladarllo ao sector”.