BNG esixe explicacions á Xunta de se o infome encargado á ‘trama Montoro’ está detrás do fiasco das caixas galegas
Noa Presas sinalou un informe da Axencia Tributaria onde figuran ingresos de 172 mil€ declarados pola consultora, provintes dun pagamento da Xunta
O BNG considera sorprendente que, tras máis dunha década de investigacións sobre as caixas, a Xunta ocultara o informe
A portavoz de Facenda e deputada do BNG, Noa Presas, reclamou na Comisión 3ª explicacións á Xunta sobre as conexións co despacho Equipo Económico —a consultora fundada polo exministro de Facenda do PP Cristóbal Montoro— actualmente investigada por un xulgado de Tarragona por presunto tráfico de influencias. Preguntou se o informe encargado á trama Montero esta detrás do “fiasco” das caixas galegas, cuestión á que o secretario xeral e do Tesouso da Consellería de Facenda, David Cabañó, non aclarou.
Presas lembrou que este verán transcendeu que un xulgado investiga desde 2018 ao exministro e a varios membros do seu equipo por crear presuntamente unha “rede de influencias” para modificar leis ao servizo de empresas do lobby enerxético e obter beneficios económicos a cambio. Ademais de Montoro, hai outras 27 persoas e seis empresas imputadas por presuntos delitos de suborno, fraude contra a administración pública, prevaricación, tráfico de influencias, corrupción nos negocios e falsidade documental.
“Estamos ante indicios gravísimos que confirman o que o BNG leva anos denunciando: as conexións do Partido Popular co lobby enerxético, o uso de recursos públicos para practicar capitalismo de amiguetes e a fraude democrática que supón que as leis se fagan á medida dos intereses do IBEX 35”, subliñou Presas.
O papel de Equipo Económico na ”bancarización” das caixas galegas
A deputada do BNG puxo o foco nun informe da Axencia Tributaria incorporado ao sumario da causa que recolle que o despacho declarou ingresos de 172.838 euros dun pagamento efectuado presuntamente pola Xunta de Galiza. “A contía non é menor e o contido tampouco” e por iso, o BNG, como primeira forza da oposición, requírelle á Consellería de Facenda a documentación implicada para poder fiscalizar a situación. “Non nos imos conformar cunha consulta parcial; queremos unha copia do informe”, avertiu.
Presas sinalou como especialmente grave o papel de Equipo Económico na reestruturación das caixas galegas e no ERE de NCG Banco, pois foi esta consultora quen “cando menos elaborou os informes técnicos que sustentaron o Expediente de Despedimentos, “o maior da historia dunha empresa galega, con case dous mil traballadores e traballadoras”, puntualizou.
A deputada lembrou o veto do PP desde 2013 á comisión de investigación da venda das caixas galegas, ao tempo que “foi cómplice” de rescatar Abanca con máis de 9.000 millóns de euros públicos para que no primeiro ano tivese xa máis de 400 millóns de euros”, apuntou Presas.
Esixencias do BNG
Presas reclamou unha copia de todos os informes contratados pola Xunta a Equipo Económico e pregunta que decisións políticas se fundamentaron neles. “Queremos saber quen ordenou estes informes, cando e que decisións políticas se tomaron baseándose neles. Durante eses anos aprobáronse leis e normas económicas de enorme impacto: disciplina orzamentaria, nova lei eólica, cambios no urbanismo, baixadas de impostos ou un modelo de financiamento lesivo para Galiza. Calquera lei económica aprobada polo PP neses anos está baixo sospeita”, advertiu Presas.
A explicación da Xunta de que Montoro aínda non era ministro “é ridícula”, engadiu, lembrando a longa traxectoria do político no PP e as conexións directas entre Feijóo e Montoro, como o nomeamento de Marta Fernández Currás na Secretaría de Estado de Orzamentos tras o fiasco das caixas galegas.